20190305 Muiño FacebookA mellora das comunicacións cos municipios limítrofes, para facilitar a mobilidade da veciñanza, sobre todo con Val do Dubra e Santa Comba, a reforma da piscina municipal de San Vicenzo son algunhas das obras que ven de adxudicar o Concello da Baña por un montante superior aos 750.000 euros, no que se inclúe tamén a rehabilitación do muíño da Calexa, que acaba de rematar. A este investimento hai que engadir outros 400.000 euros que concedeu en febreiro o Ministerio para a Transición Ecolóxica para substituír a iluminación pública actual por tecnoloxía LED en todo o municipio co fin de fomentar o aforro enerxético.

As principais actuacións viarias que vai acometer o Concello da Baña refírense á pavimentación da estrada que vai do límite de Val do Dubra ata Vilacoba (que supón un investimento de 171.191 euros) e a pavimentación da estrada na Ermida e dende o límite de Santa Comba ata o cruzamento de Hedreira (135.525 euros). Unhas actuacións que se complementan co asfaltado e pavimentación de vías públicas nos núcleos de San Cibrán e O Espiño (59.696 €), Agromaior, Ferraces, Vilacova e Folgueira (60.510 €); Nantón e San Mamede (73.933 €), Prousor (46.379); a reforma da piscina de San Vicenzo (73.546 €) ou a humanización do adro en Santa Cristina de Marcelle (76.848 €).

Entre as obras recentemente adxudicadas figuran a colocación de sinais verticais en San Vicenzo e Marcelle (18.181 €) e a subministración e colocación de contedores de lixo e vidro (22.756 €).

Estas actuacións están incluídas no Plan de Obras e Servizos 2018, o primeiro que se tivo que facer polo procedemento de contratación electrónica, un requisito legal que retrasou considerablemente a contratación de obras na práctica totalidade dos concellos galegos.

Ademais destas obras que se acaban de adxudicar, o Concello da Baña vén de rematar a rehabilitación integral na parroquia de Fiopáns do único muíño que segue activo no municipio, o da Calexa, restauración que representou un investimento de 15.637 euros de fondos propios municipais. O Concello substituíu a madeira do interior, puxo un novo tellado e encintou a parede exterior para garantir a conservación deste muíño, no que a veciñanza continúa moendo como hai anos. A rehabilitación do muíño da Calexa xa se intentara hai anos por parte do Concello, cando a Deputación da Coruña sacara o Plan de arquitectura popular. Agora, a veciñanza asinou a cesión necesaria para que o goberno municipal puidese acometer as obras, pero mantendo a titularidade do inmoble. A cambio desta rehabilitación, a veciñanza comprometeuse a permitir a visita dos escolares do municipio, para que poidan coñecer o funcionamento do muíño e o oficio de muiñeiro.

Aforro enerxético

Ademais destas actuacións, o Concello da Baña renovará as instalación e dotacións da rede de iluminación pública do municipio cunha achega de preto de 400.000 euros do Ministerio para a Transición Ecolóxica e do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). A axuda solicitada polo Concello en xullo de 2017 financiará unha boa parte da actualización de instalacións de iluminación e sinalización exterior, cuxo custo total será de 493.183 euros.

Os 394.546,96 euros concedidos polo ministerio representan o 80% do investimento, a contía máxima concedida polo FEDER. Con esta actuación, o Concello poderá renovar 2.281 puntos de luz dos 2.327 existentes, cambiando as lámpadas actuais por outras de tecnoloxía LED, que incrementan a iluminación e diminúen o consumo eléctrico. O aforro enerxético estimado é dun 73%, ao pasar a potencia dos 230,82 KW actuais a 81,08 KW cando rematen as obras. As actuacións faranse tanto na substitución das lámpadas como nos cadros eléctricos.

O Concello ten agora un prazo máximo de 6 meses para contratar e adxudicar as obras, e de 18 meses para a súa execución. Unha vez rematadas, máis do noventa por cento da iluminación da Baña será de tecnoloxía LED, o que suporá un considerable aforro enerxético, e permitirá cumprir tamén co Pacto polo clima promovido pola Unión Europea, que vén de asinar o Concello da Baña. Nunha actuación anterior, que estivo financiada polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega), xa se substituíran lámpadas por unha tecnoloxía de baixo consumo. A praza do Concello foi unha das zonas nas que xa se colocou iluminación pública de baixo consumo.

 

O Concello da Bañan vén de remitirlles unha carta aos presidentes das diferentes asocaicións sen ánimo de lucro do municipo informándolles de que a Deputación da Coruña acaba de convocar subvencións para a realización de actividades e investimentos de promoción económica en entidades sen ánimo de lucro. A presentación deberá facerse telemática antes do 29 de marzo e, dende a Consellería de Cultura da Baña, ofrecenlles apoio e axudas ás entidades que o precisen e que soliciten cita no teléfono 981 886 501.

A contía económica destas axudas da Deputación oscila entre un mínimo de 1.200,00 € e un máximo de 28.000,00 €. O prazo de solicitude remata o vindeiro día 29 ás 14.00 horas. Os beneficiarios son: Colexios profesionais, cámaras de comercio, asociacións de empresarios e comerciantes, asociacións de veciños e de mulleres rurais, asociacións de cazadores, legalmente constituídas e con domicilio fiscal na provincia da Coruña.

A tramitación de solicitudes farase telemáticamente a través da plataforma SUBTEL, polo que é preciso que os solicitantes dispoñan de certificado dixital ou DNI electrónico e conta de correo electrónico. (https://www.dacoruna.gal/dicoruna-subtel/acceso/login

O Boletión Oficial da Provincia da Coruña recolle a convocatoria na publicación do día 01/03/2019 (Extractos da resolución nº 2019/5226 e 2019/5227).

Consulta as bases das convocatorias nas seguintes ligazóns:

Bases reguladoras das convocatorias de subvencións da deputación provincial da Coruña, dirixidas a entidades privadas (iniciativa social sen ánimo de lucro e centros especiais de emprego, no ano 2019.

Bases reguladoras específicas da convocatoria do programa de subvencións dirixido a entidades sen ánimo de lucro da provincia da Coruña, dirixido a entidades sen ánimo de lucro da provincia da Coruña para investimentos de promoción económica durante o ano 2019.

Bases reguladoras específicas da convocatoria do programa de subvencións dirixido a entidades sen ánimo de lucro da provincia da Coruña, dirixido a entidades sen ánimo de lucro da provincia da Coruña para actividades de promoción económica durante o ano 2019.

 

20190224 Pregoeiras Autoridades

As “filloeiras e filloeiros anónimos, coñecidos só no entorno máis próximo” foron hoxe os protagonistas da XVI Festa da Filloa da Pedra, que quixo render unha homenaxe a todas esas veciñas e veciños da Baña que en 2004 “tivemos que espremer os miolos” para poñer en marcha “unha festa gastronómica, hoxe xa consolidada”, que é coñecida en varios países e ten recollido numerosos premios. 

20190224 Aldara ALI0768Neli Pisco, unha desas filloeiras da Baña que leva dende 2004 traballando na organización da festa, foi a encargada de ler o pregón en representación das 50 filloeiras e 3 filloeiros que este ano colaboraron coa Asociación Filloas da Pedra e co Concello da Baña para levar adiante unha exaltación gastronómica que reuniu a miles de persoas en San Vicenzo. 

Neli Pisco non estivo soa. Acompañárona como pregoeiras Arita País, a filloeira más veterana e de maior idade das que seguen en activo, que foi presentando unha a unha ás persoas que atendían as pedras; e Alba Losa Landeira,que viña sendo a filloeira máis nova da Baña. Un posto, o de filloeira máis nova, que este ano correspondeulle á Aldara Grille Tomé, de tan só 9 anos, que estivo facendo filloas toda a mañá e ata lles ensinou ás conselleiras do Mar, Rosa Quintana, e de Política Social, Fabiola García, como se fan as auténticas filloas da pedra da Baña.

O alcalde, Andrés García Cardeso, agradeceu o traballo e implicación de veciñas e veciños que manteñen viva a Festa da Filloa da Pedra. García Cardeso, coincidindo co aniversario do nacemento de Rosalía de Castro que se celebra hoxe, invitou a todos os presentes “a regalar un libro, e tamén unha filloa da pedra”, ao tempo que tivo un “recordo moi especial” para todos os habitantes de Venezuela “un país no que viven e viviron moitos galegos emigrados e que está a pasar por momentos moi complicados”.  Entre as autoridades que asistiron á festa, ademais dos xa mencionados, atopábanse o delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro; a alcaldesa de Santa Comba, o de Val do Dubra e o tenente alcalde de Boqueixón.

20190224 FilloeirasE mentres Neli Pisco, Arita País e Alba Losa pronunciaban o pregón, a cola para mercar filloas da pedra medraba no polideportivo de San Vicenzo. Miles de persoas pasaron esta fin de semana polo recinto da festa, ata o punto de esgotar as existencias, e iso que a organización foi precavida. Preparáronse 1.400 litros de amoado (a base de auga, sal, fariña e moitos ovos) que deron para facer algo máis de 6.000 filloas. Lino, Manolo e Longueira foron os encargados do cocido, e xa dende o sábado coceron 100 quilos de lacón, 80 de orella, e chourizos, cacheiras, touciño entrefebrado, costela, grelos e patacas que acabaron desaparecendo a medida que ían aumentando os visitantes. Habían quen pedía tamén tapas doces, a base de filloa, chocolate, mel, nata e marmelo con queixo.

Os postos de artesanía dábanlle un colorido especial ao pavillón. Alí tamén estaba o alumnado do CPI da Baña, vendendo camisetas e cuncas para recadar fondos para a excursión de fin de curso. Os Campantes da Baña e Sarillo, de Aiazo, animaron a mañá e a sobremesa, mentres que a Orquestra Charleston Big Band deu comezo a verbena cando aínda as pedras botaban fume e seguían sacando filloas para saciar os padais de moitos visitantes.

Album de fotos no Facebook do Concello (preme aquí).

 20190224 Publico da Festa Filloa Pedra

20190228 Telefono movil

As operadoras de telefonía móbil Telefónica, Vodafone e Orange están implantando no Concello da Baña os servizos 4G na banda 800MHz. Esta nova tecnoloxía permitirá á veciñanza gozar de conexións móbiles de alta velocidade, dunha mellor cobertura no interior dos edificios e dun maior alcance xeográfico. As parroquias beneficiarias desta medida son San Vicenzo, San Mamede, Lañas, Fiopáns, Troitosende, San Cibrán, Barro e Marcelle. 

A implantación da velocidade 4G responde aos problemas de cobertura que sofren algunhas áreas de orografía complicada e mellora o servizo no interior dos edificios. Tamén facilita a introdución de novos servizos empresariais, ademais de sacar o máximo partido a todo tipo de aplicacións móbiles, grazas á velocidade de descarga e envío de datos.

Para garantir a compatibilidade da nova tecnoloxía coa Televisión Dixital Terrestre (TDT), a entidade xestora do servizo, Llega800, está á disposición dos veciños e veciñas de forma gratuíta (a través do teléfono 900 833 999 e da páxina web www.llega800.es) para resolver calquera conflito ou dúbida previa á instalación e posterior á mesma.

20190223 ALI0615

Voluntarias e voluntarios da Baña comezaron esta tarde a quentar as pedras e facer as primeiras filloas para poder saciar a fame de todos os que mañá se acheguen ata o polideportivo de San Vicente durante o día grande da Festa da Filloa da Pedra. Nesta ocasión, o traballo foi máis pracenteiro grazas a Foliada Filloeira que preparou a organización como novidade da décimo sexta edición desta exaltación gastronómica.

20190223 ALI0605As Pandeireteiras e a Escola de Gaitas da Baña estiveron acompañados durante a tarde deste sábado por As Xoubas e Os Viracunchos do OCT Ultreia (de Santiago), Tíralle do Aire (Negreira) e a charanga Os Sentenarios (de Muros). Entre filloa e filloa, e vendo o animado do ambiente, voluntarias e voluntarios animábanse a botar algunha baila (podes ver o album de fotos no facebook do Concello, neste enlace)

O Concello da Baña e a Asociación Filloa da Pedra teñen preparados 1.400 litros de amoado, feito con auga, fariña, ovos e sal para facer uns cantos miles de filloas. Deles, uns 400 litros xa se acabarán o sábado. Mañá, domingo, dende as dez da mañá, as 36 pedras de 50x50 centímetros estarán dando unha filloa cada sete minutos, aproximadamente, mentres as 100 persoas voluntarias se irán repartindo entre atender as pedras, á cantina, aos visitantes e para servir tamén os chourizos, orellas, nata, mel e, como novidade este ano, o cocido para acompañar ás filloas.

A ruta BTT Filloa da Pedra, que nas dúas edicións anteriores se celebraba o día grande da festa, trasladouse este ano para o domingo 17 de marzo. Os amantes ao ciclismo teñen ese día unha cita para coñecer os excelentes paisaxes da Baña. As inscricións pódense facer na páxina web do Concello da Baña.

Programa para o domingo

 

O domingo 24 será o día grande da XVI Festa da Filloa da Pedra no polideportivo de San Vicenzo, que abrirá ao público a partir das 10.00 horas. Durante todo o día os asistentes poderán degustar as excelentes filloas da pedra que elaborarán as voluntarias e voluntarios da Asociación e que se servirán soas, con chourizo, nata ou mel, coma todos os anos. A novidade desta edición é que as filloas serviranse tamén acompañadas da súa parella perfecta: o cocido.

Os Campantes da Baña e a agrupación Sarillo de Aiazo serán os encargados de poñer a música pola mañá, con actuación ás 12.30 e 14.30 horas, respectivamente. Os máis pequenos terán un espectáculo dedicado para eles as 16.30 horas cos Animacreques, e a partir das seis da tarde a Orquestra Charlestong Big Band animará a verbena.

O Estudo obradoiro de cerámica Alén das Olas impartirá talleres de cerámica durante todo o día, e para repoñer forzas, ademais de degustar as ricas filloas da pedra da Baña, os asistentes poderán achegarse ata os postos de polbo e churrasco que se instalan nas inmediacións do polideportivo municipal.