A gaita é o instrumento máis demandado polas persoas que responderon á enquisa promovida polo Concello da Baña para coñecer as preferencias dos usuarios adultos da Escola de Música Tradicional. Este é un dos resultados da consulta lanzada para axudar na programación desta actividade e captar alumnado. O consistorio consultou tamén sobre as preferencias da cidadanía en canto á actividade de ximnasia e estimulación cognitiva para maiores e ao servizo A Baña Madruga para o curso 2020/2021.

As consultas previas ao inicio das actividades e abertas á cidadanía son unha iniciativa que se puxo en marcha por primeira vez na Baña o curso pasado coas escolas deportivas, co obxectivo de coñecer os intereses reais da poboación e axustar deste xeito a oferta nas diferentes actividades. En tempos de pandemia, esta información adquire especial relevancia, ao se ter que elaborar horarios específicos e ordenar os espazos nos que se van a desenvolver as clases. O Concello confía en que, andado o tempo, a participación medre e se converta nunha ferramenta útil para a programación deste tipo de accións.

Para este inicio de curso, o Concello preguntou a aquelas persoas adultas interesadas en matricularse por primeira vez na Escola de Música Tradicional sobre as súas preferencias no referido ao instrumento que queren aprender. Así, un 62,5% mostrou a súa preferencia pola gaita, o 25% decantouse pola pandeireta e un 12,5% elixiu a percusión. Das 8 respostas emitidas de xeito anónimo, o 50% corresponderon a persoas de 40 a 50 anos e o 25% ao grupo de idade de 20 a 30 anos.

No que respecta ás actividades para maiores de 55 anos, das 5 respostas recibidas o 60% tomou parte pola estimulación cognitiva semipresencial, un modelo no que persoal do Concello levará aos domicilios o material da actividade e pasará despois recollelo. A ximnasia de mantemento por parroquias tivo unha aceptación do 40%. Idéntica porcentaxe de respostas tivo a consulta sobre o lugar de celebración das clases: un 60% optou pola opción do centro social e da terceira idade da Baña e un 40% por outras parroquias, amosando o seu interese por Marcelle e Suevos en concreto.

O Concello consultou tamén á veciñanza sobre o interese das familias para utilizar o Servizo A Baña Madruga, unha medida que busca facilitar a conciliación da vida laboral e familiar entre os escolares que acoden ao CPI San Vicente. Do total de respostas anónimas recibidas (12), o 91,7% elixiu a modalidade que inclúe o almorzo no servizo. Canto os días da semana nos que se utilizaría o mesmo, o 75% precisaríao todos os días, con especial incidencia nos martes e xoves, que foron sinalados polo 91,7% das familias. Preguntados polo número de días ao mes nos que precisarían o servizo, o 41,7% das familias manifestou o seu interese por facer uso desta actividade todo o mes. Tamén se preguntou polo horario que precisarían os usuarios; neste punto, o 58,3% elixiu a opción de 8:00 a 9:15, o 33,3% de 7:30 a 9:15 e o 8,3% de 8:30 a 9:15 horas.