20200306 PAI Baña

O Concello da Baña abriu un prazo extraordinario de matrícula para cubrir unha vancante de novo ingreso no Punto de Atención á Infancia (PAI) da Baña, dirixida a nenos ou nenas de entre 3 meses e 3 anos. As familias interesadas teñen ata o día 31 de xullo para presentar a documentación e solicitar a praza.

A presentación de solicitudes e documentación complementaria realizarase preferentemente a través da sede electrónica do Concello da Baña (preme aquí). Os modelos de solicitude que hai que cubrir achéganse nos arquivos adxuntos, así como un titorial de como facer esta tramitación na sede electrónica municipal. En caso de dúbidas ou dificultades para seguir o proceso en liña, poden dirixirse á educadora familiar concertando unha cita previa no número de teléfono 981 817 605, en horario de 9.00 a 14.00 horas.

Cun total de 20 prazas, o PAI da Baña ofrece atención educativa e atención ás necesidades básicas da infancia, á vez que favorece a conciliación da vida laboral e familiar. As familias poden optar por utilizar o servizo en réxime de media xornada (ata 4 horas) ou de xornada completa (de 4 a 8 horas). Cómpre salientar que non se fai discriminación de tarifa por horas, senón por tipo de xornada.

O centro ten un horario que vai das 7.45 ás 15.45 horas de luns a venres, se ben este horario está suxeito a modificacións en función das necesidades das familias. Canto aos horarios das crianzas, os nenos e nenas poden entrar no centro ata as 10.00 horas; aqueles que non comen no PAI teñen que saír antes das 13.00 horas; e, finalmente, a hora de recollida dos que si comen no centro é a partir das 15.00 horas.

Para máis información, contactar co departamento de Educación e Cultura ou coa educadora familiar.

Nos arquivos adxuntos figuran os anexos que se deben cubrir e a ordenanza reguladora do PAI da Baña. No anexo II aparece a documentación complementaria a presentar en función das circunstancias sociofamiliares concretas. Para a baremación teranse en conta o IRPF do exercicio 2018.

Poden presentar as solicitudes a través da sede electrónica do concello.

Attachments:
Download this file (Anexo 1 solicitude PAI.pdf)20200722_AnexoI_solicitude[20200722_AnexoI_solicitude]141 kB
Download this file (ANEXO II Solicitude PAI.pdf)20200722_Anexo2_situacion_sociofamiliar[20200722_Anexo2_situacion_sociofamiliar]281 kB
Download this file (instrucions sede electronica.pdf)20200722_manual_sede_electronica[20200722_manual_sede_electronica]470 kB