O Concello da Baña a través do seu Servizo de Normalización Lingüística (SNL) e en colaboración co Colexio Público Integrado (CPI) San Vicente e coa Escola de Educación Infantil (EEI) de Lañas celebrará a conmemoración do Día das Letras Galegas do 13 ao 28 de maio.
Esta celebración comezará o xoves 13 cunha Ruta literaria polos lugares de Vilarnovo, Canlís, Fampousa, O Castro, Salvande, Xasoso e A Castiñeira na que participarán o alumnado e o profesorado do CPI San Vicente. O SNL aproveitará esta actividade para gravar o alumnado mentres recitan estrofas en cada un dos lugares mencionados.
Máis tarde, a partir do día 19, a conmemoración continuará na Casa de Cultura do Concello da Baña en horario de tarde (17.00-20.00 h), de luns a venres cunha exposición de ilustracións de poemas de Novoneyra que realizaron os alumnos e as alumnas do CPI San Vicente e os da EEI de Lañas. Xunto coa exposición haberá outras actividades para que os/as visitantes poidan interactuar coa vida e a obra do autor homenaxeado.
Algunhas das actividades que se van desenvolver xunto coa exposición son as seguintes:
- Proxección da lectura de poemas de Novoneyra polo alumnado do CPI San Vicente e da EEI de Lañas.
- Proxección dun documental sobre Novoneyra.
- Partidas de memoria coas ilustracións dos nenos e das nenas.
- Ofrécelle o teu autógrafo a Novoneyra.
- Ordena cronoloxicamente un álbum de imaxes de Novoneyra.
- Xoga co crebacabezas-poema.
- Actuación do coro Grupo de Amigos da Baña o día 24 ás 19.00 h na Casa de Cultura.