• Representantes institucionais, membros da comunidade educativa e veciñanza participaron no acto conmemorativo polo Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

 20241125 lectura manifesto

A praza do Concello da Baña foi o escenario este luns 25 de novembro dun acto conmemorativo polo Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, no que participaron representantes institucionais, membros da comunidade educativa e veciñanza.

O alumnado do CPI San Vicente foi o encargado de dar voz ao manifesto institucional, subliñando a importancia de erradicar todas as formas de violencia de xénero e promover unha sociedade máis xusta e igualitaria. O texto destaca o papel fundamental da educación e da conciencia social para combater esta lacra.

O acto contou coa presenza do alcalde da Baña, José Antonio Pereira Gil, da tenente de alcalde, Mónica González Blanco, de traballadores municipais, ademais de membros da comunidade educativa e veciños e veciñas que quixeron acompañar esta xornada de reflexión e reivindicación.

Desde o Concello da Baña reafirmamos o noso compromiso na loita contra a violencia machista, a través de accións que poñan o foco na prevención, no apoio ás vítimas e na construción dunha sociedade libre de desigualdades.

 

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL 25 DE NOVEMBRO DE 2024, DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES:

Hoxe 25 de novembro conmemoramos, un ano máis, o Día Internacional para a eliminación da Violencia contra as Mulleres.

A sociedade debe ser consciente da urxencia para conseguir que a violencia que aínda sofren as mulleres polo feito de selo deixe de ser estrutural na nosa sociedade.

Debe ser un obxectivo irrenunciable e prioritario poñer fin á violencia contra as mulleres.

Como parte activa da nosa sociedade compartimos ese compromiso, como parte do esforzo colectivo imprescindible que ten que transformar as estruturas que seguen a manter o machismo e a desigualdade dende discursos e acción negacionistas. Desgraciadamente e a pesares dos avances, é evidente o moito que queda aínda por facer.

A condena da violencia machista en todas as súas manifestacións e o traballo colectivo na construción dun presente no que ningunha muller sexa vítima desta violencia teñen que reforzarse, dende o compromiso activo que poña fin a esas actitudes patriarcais.

1.284 mulleres asasinadas por homes que eran, ou foron, as súas parellas dende 2023. 40 mulleres asasinadas no que vai de ano 2024. Máis de 95.000 denuncias presentadas por mulleres vítimas de violencia machista. Unha sociedade democrática e de Dereito debe ser incompatible cunha situación de criminalidade constante contra as mulleres.

Violencia na que homes non só acosan, feren ou matan a mulleres: violencia económica que priva ás mulleres da súa independencia económica ao ter que depender de quen as maltrata; violencia vicaria na que fillos e fillas tamén son vítimas para facer aínda máis dano ás súas nais; violencia dixital das ameazas, acoso e chantaxe na contorna virtual, ademais da cousificación das mulleres na pornografía, á que se accede de xeito xeneralizado dende móbiles, tablets e ordenadores; prostitución pola que mulleres son obrigadas a ser escravas sexuais.

Por outra banda, un dos ámbitos que máis preocupa é o do lecer o ocio nocturno e o coñecemento de violacións e agresións sexuais en grupo e por parte de agresores mozos. Lamentablemente, no verán de 2023 coñecemos agresións sexuais múltiples a través dos medios de comunicación que nos recordan a necesidade de avanzar. Non existe aínda un protocolo específico de actuación.

Tampouco podemos obviar a violencia que padecen as mulleres de países en situacións de regresión cultural e social, nos que os integrismos relixiosos ademais lles privan dos seus dereitos e liberdades fundamentais, como en Afganistán en que as mulleres están recluídas nas súas casas, sen acceso á educación, ao traballo nin a ningunha relación social. Tamén en sociedades occidentais as mulleres que deciden abortar son acosadas e criminalizadas por extremistas que din defender a vida.

Nin as situacións extremas de violencia que padecen as mulleres en zonas de conflito armado, sendo obxecto de abusos, violacións e escravitude sexual con total impunidade. Estas atrocidades deben levarnos a reforzar a defensa dos dereitos humanos e a protección das vítimas, esixindo respecto, xustiza e reparación.

A violencia machista debe ser unha prioridade política, social e institucional de primeira orde e fronte a efemérides rituais e baleiras de contido, temos unha responsabilidade colectiva á hora de fixar novos compromisos como adecuar as axudas e comprometer máis recursos, así como esixir o cumprimento daquelas cuestións que aínda están sen desenvolver da Lei galega contra a violencia machista, como é a atención psicolóxica na atención primaria.

Todas as administracións, colectivos e cada individuo, temos que seguir a promover avances na loita contra a violencia machista e a protección das vítimas, incidindo na prevención.

Dende o CPI San Vicente e o concello da Baña reforzamos o noso compromiso de loita contra a violencia machista, promovendo máis coordinación entre as institucións para que as mulleres e menores vítimas reciban a atención e apoio integral, especializado e que cubra todas as súas necesidades.

Facemos un chamamento para que se denuncien todas as formas de violencia contra as mulleres. Non pode haber máis silencios cómplices. Xa é tempo de que a vergoña, que ata agora recaía sobre as vítimas que sofren a violencia, cambie de bando e recaia sobre os agresores.

20241014 Prestamo cama articuladaO Concello da Baña informa á veciñanza de que conta con tres camas articuladas dispoñibles para préstamo, destinadas a persoas en situación de dependencia con grao III ou que estean a tramitar o devandito grao. Este servizo busca mellorar a calidade de vida das persoas dependentes, facilitando a súa comodidade e coidados no fogar.

As persoas interesadas en acceder a este recurso poden obter máis información e realizar a solicitude no departamento de Servizos Sociais do Concello. O horario de atención é de luns a venres, de 9:30 a 14:00 horas.

Este servizo de préstamo supón unha aposta do Concello pola atención e o benestar dos seus veciños e veciñas que requiren de coidados especiais, favorecendo a súa permanencia na contorna familiar con todas as garantías.

  • Ofértanse dúas actividades: estimulación cognitiva e ximnasia de mantemento

  • A proposta está deseñada para promover a saúde física e mental dos maiores do municipio a través de actividades especialmente adaptadas ás súas necesidades

  • As persoas interesadas teñen ata o 6 de setembro para apuntarse

20240827 PROGRAMA DE ENVELLECEMENTO ACTIVO

O Concello da Baña pon en marcha un ano máis o Programa de Envellecemento Activo dirixido a persoas maiores de 65 anos. A proposta está deseñada para promover a saúde física e mental dos maiores do municipio a través de actividades especialmente adaptadas ás súas necesidades.

Ofértanse dúas actividades: estimulación cognitiva e ximnasia de mantemento. A primeira, cunha duración de hora e media á semana, está orientada a desenvolver e manter habilidades como a memoria, a atención e a concentración, promovendo así o benestar mental dos participantes. A ximnasia de mantemento, que ten como obxectivo axudar a conservar o corpo en forma, consta de dúas sesións á semana dunha hora de duración cada unha.

O Concello da Baña está aberto á posibilidade de formar grupos por parroquias, sempre que se alcance un número mínimo de persoas inscritas.

O prazo de inscrición para formar parte deste programa está aberto ata o 6 de setembro. As inscricións poden realizarse no departamento de Servizos Sociais do Concello da Baña. Para máis información, os interesados poden contactar co teléfono 981 88 65 01.

As clases, que comezarán o luns 16 de setembro, son unha gran oportunidade para mellorar a calidade de vida e gozar de momentos enriquecedores con outras persoas da comunidade.

Baña Transporte escolar 1920 1280 px 2

O Concello da Baña informa que se abre o prazo de solicitudes para as axudas ao transporte dirixidas aos estudantes da Baña que cursarán os seus estudos no IES Xulián Magariños de Negreira ou no IES Terra de Xallas de Santa Comba durante o curso 2024-2025.

Para o próximo curso, dispóñense un total de 22 prazas para estas axudas. O prazo para a presentación de solicitudes será de sete días naturais a partir do día seguinte á publicación destas bases na Sede Electrónica do Concello da Baña e na páxina web municipal. Transcorrido este prazo, non se admitirán novas inscricións.

Este servizo de axuda ao transporte será de carácter temporal e estará en funcionamento desde setembro de 2024 ata xuño de 2025 (ambos meses incluídos), coincidindo co calendario escolar anual e en horario lectivo dos centros educativos.

As solicitudes deben presentarse utilizando os modelos recollidos na web do Concello e entregaranse no Rexistro Xeral do Concello.

Para máis información sobre o proceso de solicitude e os requisitos, os interesados poden consultar a Sede Electrónica do Concello ou chamar ao teléfono do Concello 981 886 501.

As bases de funcionamento deste servizo así como as fichas de solicitude, de autorización do uso do teléfono e da orde de domiliación de recibos poden descargarse nos arquivos adxuntos.

Consulta as bases premendo neste enlace ou consultando o documento adxunto. 

14 de agosto de 2024

Publícase a resolución da alcaldía coa listaxe de novas inscricións ou novas quendas no campamento municipal de verán da Baña 2024, coa correspondente taxa de pagamento que deberá formalizarse no prazo de 5 días hábiles.

Así mesmo, anúnciase que quedan prazas libres na quenda do 26 de agosto ao 6 de setembro. As familias que o desexen poderán solicitar prazas cunha antelación mínima de 7 días naturais previos ao inicio de cada quenda.

A resolución pode consultarse no documento adxunto ou premendo nesta ligazón.

Esta actividade está financiada con cargo aos fondos recibidos do Ministerio de Igualdad, Secretaría de Estado de Igualdade e para a Erradicación da Violencia contra as Mulleres, no marco do Plan Corresponsables para o exercicio 2024.

 

31 de xullo de 2024

Publícase a listaxe de novas inscricións ou novas quendas no campamento municipal de verán da Baña 2024, coa correspondente taxa de pagamento que deberá formalizarse no prazo de 5 días hábiles.

Así mesmo, anúnciase que quedan prazas libres nas quendas do 12 ao 23 de agosto e do 26 de agosto ao 6 de setembro. As familias que o desexen poderán solicitar prazas cunha antelación mínima de 7 días naturais previos ao inicio de cada quenda.

A resolución pode consultarse no documento adxunto ou premendo nesta ligazón.

 

12 de xullo de 2024

Faise pública a resolución da alcaldía na que se recollen novas inscricións, por causas extraordinarias, no campamento municipal de verán da Baña 2024.

Establécese un prazo de cinco días hábiles para pagar as taxas correspondentes.

A resolución pode consultarse en documento adxunto e premendo nesta ligazón. 

 

8 de xullo de 2024

Faise pública a resolución da alcaldía con novas inscricións, renuncias e solicitudes de devolución de pagamento no campamento municipal de conciliación de verán da Baña 2024.

O campamento conta aínda con prazas libres nas quendas do 29 de xullo ao 9 de agosto, do 12 ao 23 de agosto e do 26 de agosto ao 6 de setembro. As familias que o desexen poderán solicitar as prazas ata sete días antes o inicio de cada quenda.

A resolución pode consultarse en documento adxunto e nesta ligazón. 

Campamento de verán logos. A Baña.

 

27 de xuño de 2024

Publícase un decreto da alcaldía con novas inscricións ou novas quendas, coa correspondente taxa de pagamento, no campamento municipal de conciliación de verán da Baña 2024.

Establécese un prazo de pago de 5 días hábiles a contar dende a publicación do presente decreto. A falta de pago implicará a perda da praza e do dereito ao desfrute do servizo.

Por outra banda, requírese a varias familias xa inscritas a achega do xustificante de pago polo procedemento correcto nun prazo máximo de 10 días hábiles.

Unha vez admitidas as novas inscricións, quedan prazas libres nas quendas do 15 ao 26 de xullo, do 29 ao 9 de agosto, do 12 ao 23 de agosto e do 26 de agosto ao 6 de setembro. As familias que o desexen poderán solicitar prazas cunha antelación mínima de 7 días naturais previos ao inicio de cada quenda.

O decreto pode consultarse nos arquivos adxuntos ou premendo nesta ligazón.

 

13 de xuño de 2024

Faise pública a listaxe definitiva de rapazada admitida e excluída do campemtno de verán, incluído dentro do programa de Conciliación 2024 do Concello da Baña.

As familias das nenas e nenos admitidos teñen ata o xoves 20 de xuño para facer efectivo o pagamento e presentar o xustificante no rexistro municipal ou a través da sede electrónica. 

O decreto coa listaxe, os prezos e as normas para o pagamento poden consultarse no documento adxunto e premendo nesta ligazón.

 

10 de xuño de 2024

Faise pública a listaxe provisional de nenas e nenos admitidos para o Campamento de Verán 2024, que pode consultarse no documento adxunto a esta nova (neste enlace).

Outórgase un prazo para reclamacións e/ou mellora voluntaria da documentación de dous (2) días hábiles.

 

27 de maio de 2024

Desenvolverase dende o 24 de xuño ata o 6 de setembro en Agra de Chans || 

As familias poden anotarse ata o 6 de xuño ||

Ofértanse 70 prazas en seis quendas cun horario de 08.00 a 15.00 horas de luns a venres laborais ||

O Concello da Baña abre mañá, martes 28 de maio, o prazo de inscrición no Campamento de Verán 2024, dirixido a nenos e nenas escolarizadas de entre 3 e 14 anos, que se desenvolverá entre o 24 de xuño e o 6 de setembro. A iniciativa, que forma parte do Programa de Conciliación Municipal e conta con financiamento da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e do Ministerio de Igualdade a través do Plan Corresponsables, ten como obxectivo ofrecerlles ás crianzas un espazo onde participar de actividades de carácter lúdico, social e educativo, ao tempo que se facilita e promove a vida laboral e familiar dos seus proxenitores ou titores. Nesta edición auméntase o número de prazas pasando das 60 do pasado ano ás 70 deste 2024 e tamén os días, xa que o servizo prestarase xa dende o 24 de xuño unha vez que finalice o curso escolar.

O servizo prestarase na área recreativa municipal de Agra de Chans, salvo que as condicións meteorolóxicas obriguen ao traslado a algunha das instalacións municipais a cuberto, en horario de 8.00 a 15.00 horas de luns a venres laborais.

O Campamento de Verán 2024 na Baña ofrece 70 prazas, 10 máis que na pasada edición, e desenvolverase por quendas. A primeira quenda será do 24 ao 28 de xuño; a segunda do 1 ao 12 de xullo, a terceira será do 15 ao 26 de xullo, a cuarta será do 29 de xullo ao 9 de agosto, a quinta do 12 ao 23 de agosto, e a sexta do 26 de agosto ao 6 de setembro. Durante estes períodos levaranse a cabo actividades de índole educativa e cultural que fomentarán o fortalecemento de valores como a solidariedade, a confianza, a cooperación e o respecto persoal e colectivo.

O prazo de inscrición ábrese o 28 de maio e permanecerá aberto ata o xoves 6 de xuño. As solicitudes presentadas fóra de prazo irán a unha listaxe de agarda. No baremo das prazas terán prioridade os menores cuxa unidade familiar estea empadroada na súa totalidade no municipio, en segundo lugar os menores que sexan fillos/as do persoal que presta servizo no Concello da Baña con necesidades de conciliación acreditada e despois as crianzas censadas no municipio.

Segundo as bases que regulan o Campamento de Verán 2024 aprobadas polo Concello, as solicitudes deberán ir asinadas polo pai, nai ou titor/a legal. Ademais de cubrir a folla de inscrición, as persoas solicitantes deberán aportar unha fotocopia do DNI do/a menor, a fotocopia do documento de identidade da persoa titular da conta; documentación que indique a ocupación dos pais/nais, titores/titoras e, de ser o caso, o informe médico que acredite calquera tipo de tratamento especial.

Unha vez cumprimentada a ficha de inscrición, esta debe presentarse, xunto co resto da documentación, ben no rexistro do Concello, en horario de 9.00 a 14.00 horas, ou ben por sede electrónica ata o 6 de xuño.

Prezos do servizo

O prezo do Campamento de Verán 2024 para as persoas censadas na Baña é de 40 euros por cada quincena (20 € por semana) no caso de que só participe un menor da unidade familiar; 32 € polo segundo irmán ou irmá (16 € a semana) e 20 € polo terceiro (10 € a semana).

Para as persoas non censadas, as contías a abonar serán de 60, 45 e 30 euros por cada quincena (a metade se acode unha semana). Naqueles casos nos que a unidade familiar, empadroada na Baña, non conte cuns ingresos iguais ou superiores a dúas veces o IPREM (600 €/mes), e tras a emisión do informe pertinente, a contía a pagar será 20 € se só participa un menor, 16 € polo segundo e 10 € polo terceiro, respectivamente (a metade se acode unha semana).

Listaxe de admitidos

A listaxe de persoas admitidas publicarase tanto na páxina web do Concello como nas oficinas municipais e haberá un prazo de dous días para presentar reclamacións. Unha vez resoltas as reclamacións, publicaranse as listas definitivas.

No caso de que as inscricións presentadas en prazo superen as prazas ofertadas, o Concello procederá a un sorteo público. Os/as solicitantes que queden sen praza pasarán a formar parte dunha listaxe de agarda. Todas as inscricións presentadas fóra de prazo pasarán tamén a formar parte da listaxe de agarda pero a continuación das presentadas dentro do prazo.

As cotas pagaranse unha vez que se saiba que a persoa solicitante conta con praza, logo da publicación da listaxe definitiva de persoas admitidas e nun período máximo de 5 días. O formulario de achega de documentación pode descargarse no seguinte enlace: https://sede.concellodabana.gal/sxc/gl/procedimientosytramites/tramites/AportacionDocumentacion_N. Indicarase no campo “Código de expediente” o seguinte: 2024/D008/000001; no campo “Descrición do expediente ou proceso”: Campamento de verán 2024 e as datas de inicio e final do período de desfrute do servizo; e no campo “Observacións” o nome/s da/s persoa/s usuaria/s (neno/s e/ou nena/s inscritas no campamento de verán).

As persoas interesadas poden consultar a bases nos arquivos adxuntos, así como descargar a ficha de inscrición e os formularios.