-
O alcalde José Antonio Pereira, e o concelleiro de Urbanismo, Jesús Manuel Pena, reuníronse esta semana coa xerente de Suelo Empresarial del Atlántico, Beatriz Sestayo
O Concello da Baña e o organismo Suelo Empresarial del Atlántico (SEA) deron un paso decisivo cara á creación dun parque empresarial no municipio, tras a reunión celebrada esta semana entre o alcalde, José Antonio Pereira Gil, o concelleiro de Urbanismo, Jesús Manuel Pena, e a xerente de SEA, Beatriz Sestayo, xunto co equipo técnico da entidade estatal.
Durante o encontro, que tivo lugar nas oficinas de SEA en Santiago, a xerente informou sobre os primeiros resultados do estudo de viabilidade elaborado pola entidade, que avala a posibilidade de urbanizar unha superficie de 200.000 metros cadrados en Eiroa. Esta iniciativa estratéxica suporía un antes e un despois no desenvolvemento económico do municipio.
O rexedor bañés amosou a súa satisfacción cos avances acadados e reiterou o compromiso do goberno local de traballar man a man con SEA para adaptar a documentación urbanística aos requirimentos técnicos e introducir as modificacións oportunas para reducir os custos do solo co obxectivo de facilitar o acceso ao futuro parque empresarial a emprendedoras e emprendedores cunhas condicións económicas máis asumibles.
Durante a reunión abordouse ademais a posibilidade de modificar certas ordenanzas municipais que favorezan a instalación de empresas de distintos sectores, así como a importancia de dotar ao parque das infraestruturas esenciais que garantan o seu bo funcionamento e atractivo para o tecido empresarial.
Tanto Beatriz Sestayo como José Antonio Pereira coincidiron en destacar o clima de colaboración entre ambas entidades e a vontade compartida de dar continuidade ao proxecto, que consideran clave para o futuro de A Baña.