• Unha liña de achegas destínase aos traballadores por conta propia excluídos na anterior convocatoria por esgotamento de crédito

  • Terán ata o luns 7 de febreiro para presentar as solicitudes

  • Unha segunda convocatoria diríxese a paliar os efectos económicos derivados das restricións

 

O Concello da Baña abre mañá, sábado 29 de xaneiro, o prazo de presentación de solicitudes para que autónomos en pequenas empresas do municipio poidan solicitar novas axudas destinadas a paliar o impacto da crise socioeconómica causada pola pandemia da Covid-19.

As axudas, financiadas integramente con fondos propios do Concello da Baña, complementan as que xa outorgou o Concello da Baña atendendo a convocatoria que fixo en novembro de 2020 e presentan dúas liñas diferentes.

A primera liña está orientada a ampliar o programa PEL-Reactiva e diríxese a aquelas persoas autónomas e pemes que, cumprindo cos requisitos esixidos nas bases da convocatoria, quedaron fóra das axudas por esgotamento do crédito.

Poderán optar a estas achegas aqueles autónomos que tivesen que pechar ou visen reducida a súa facturación en polo menos un 75% no segundo trimestre fiscal de 2020. A contía das axudas oscila entre 1.500 euros para un autónomo sen traballadores ao seu cargo e 3.000 euros para aqueles autónomos que teñan entre 6 e 9 traballadores. As persoas interesadas terán un prazo de dez días naturais para presentar as solicitudes, dende o 29 de xaneiro ata o luns 7 de febreiro.

A segunda liña, pola súa banda, destínase a paliar os efectos económicos derivados das restricións impostas polas diferentes administracións públicas. O importe que se concederá é variable e destinarase a cubrir gastos como compra de material, arrendamentos ou subministracións de luz, auga e electricidade. Poderán pedila autónomos que non se beneficiaran do PEL-Reactiva nin da axuda da liña I e que dende o comezo da pandemia se visen obrigadas a pechar ou a acollerse a un ERTE. O prazo de presentación de solicitudes abrangue dende o 29 de xaneiro ata o 28 de febreiro.

As bases da convocatoria poden consultase no Boletín Oficial da Provincia (BOP) da Coruña do venres 28 de xaneiro e nesta ligazón.

A convocatoria e os formularios poden consultarse picando neste enlace.