-
Persoas desempregadas poderán formarse en atención sociosanitaria, xestión de chamadas, dinamización comunitaria ou guía de montaña
-
Inscricións ata o 3 de setembro na sede electrónica do Concello ou a Axencia de Desenvolvemento Local
O proxecto PEL Emprego Sustentable, promovido pola Deputación da Coruña e financiado nun 80% polo fondo Social Europeo, desenvolverá nos vindeiros meses catro novos itinerarios formativos coa finalidade de crear emprego no ámbito rural. O prazo de inscricións permanecerá aberto ata o 3 de setembro.
As formacións, dirixidas a persoas desempregadas, teñen carácter gratuíto e pode solicitarse tamén unha bolsa de desprazamento. Haberá catro modalidade:
- Atención sociosanitaria a persoas en institucións. Terá unha duración de seis meses e impartirase en Ordes (data prevista de comezo o 17 de agosto), Cee (18 de agosto), Narón, Cambre, Culleredo e Ortigueira (13 de setembro nas catro localizacións).
- Xestión de chamadas de teleasistencia. Realizarase un único curso en Arteixo, con data prevista de comezo o 13 de setembro. Prolongarase catro meses.
- Dinamización comunitaria. Terá edicións en Ortigueira, Santa Comba e Ordes. Iniciarase o 10 de setembro e durará ao redor de 6 meses e medio.
- Guía por itinerarios de baixa e media montaña. Haberá un curso en Teo (con comezo o 20 de setembro) e outro en Mazaricos (27 de setembro). A duración será de 7 meses.
As inscricións poderán realizarse a través da sede electrónica do Concello da Baña ou presenciamente na Axencia de Desenvolvemento Local.