• As sesións serán os luns, de 10.30 a 11.30 horas, no edificio da Escola Municipal de Música

  • A inscrición abrirá o 23 de novembro e poderá facerse na Casa do Concello, por correo electrónico ou por teléfono

20261118 SNL ConversaO Concello da Baña pon en marcha un grupo de conversa en galego coa idea de que as persoas participantes gañen confianza ao falar e empreguen máis a lingua nas súas relacións cotiás. A iniciativa, impulsada a través do Servizo de Normalización Lingüística da Baña e Negreira, forma parte de Falarmos nós!, a Rede de Grupos de Conversa en Galego da Deputación da Coruña.

O grupo diríxese tanto a persoas que saben falar galego e apenas o usan no seu día a día como a quen está a aprendelo, compréndeo ben e xa pode expresarse de maneira sinxela. Nas sesións, a escoita, as lecturas e os xogos servirán para abrir conversas e practicar a lingua nun ambiente distendido, no que cada persoa poida participar ao seu ritmo.

Os encontros terán lugar todos os luns, de 10.30 a 11.30 horas, no edificio da Escola Municipal de Música da Baña. As persoas interesadas poderán inscribirse a partir do luns 23 de novembro na Casa do Concello, no correo Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo. ou no teléfono 981 88 65 01.

  • A concelleira Mónica González Blanco participou na presentación do programa, que inclúe obradoiros de improvisación oral en galego para alumnado de 5º e 6º de primaria e da ESO

  • O certame de regueifas en vídeo, aberto a toda a cidadanía, terá o prazo de inscrición do 1 de marzo ao 6 de abril de 2027

20261117 Enregueifate

O Concello da Baña súmase este curso ao Enreguéifate, un proxecto que achega a regueifa á mocidade e fomenta o uso do galego a través da improvisación oral en verso. A Baña e Narón incorpóranse este ano á iniciativa, que impulsan xunto cos concellos de Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo a través dos seus servizos de normalización lingüística.

A concelleira de Acción Social, Cultura e Servizos á Cidadanía da Baña, Mónica González Blanco, participou este martes, 17 de novembro, na presentación da décima edición, que leva por lema Enreguéifate, construíndo patrimonio. Durante o acto, destacou a diversidade de idades e de xénero das persoas formadoras que achegarán ao alumnado a improvisación oral en galego.

Desde finais de novembro ata marzo de 2027, o proxecto ofrecerá máis de 80 obradoiros no conxunto dos oito concellos, dirixidos a alumnado de 5º e 6º de primaria e da ESO. Profesionais da regueifa guiarán as sesións, nas que o alumnado poderá practicar como improvisar versos en galego. A programación comezou en outubro cunha xornada de formación para o profesorado no Pazo da Cultura de Pontevedra.

O certame de regueifas en vídeo contará cunha categoría escolar e outra xeral. Para participar, cómpre enviar un vídeo de ata tres minutos no que, como mínimo, dúas persoas regueifen en galego sobre un tema libre. A inscrición poderá facerse do 1 de marzo ao 6 de abril de 2027 na web do Enreguéifate, onde tamén se publicarán as bases. A entrega de premios terá lugar o 27 de abril, ás 11.30 horas, no Pazo da Cultura de Carballo.

Nesta edición, o Enreguéifate tamén comezará a recadar apoios para a candidatura da improvisación oral en verso como Ben de Interese Cultural (BIC).

  • O certame repartirá 7.500 euros entre as persoas gañadoras de oito categoría: canle; youtubeiro/a, youtubeiro/a revelación, vídeo, calidade lingüística, pioneiro, rede e o premio do público //

  • Youtubeiras é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Rois, Ames, Negreira, Teo, Santiago, Carballo, O Grove, Moaña, Rianxo, Pontevedra e Ribadeo; das tres universidades galegas e a Deputación da Coruña //

Youtubeiras fechará o martes 15 de novembro o prazo de inscrición para participar na sexta edición dos seus premios. O certamen, cuxas bases se poden consultar na web www.youtubeiras.gal, repartirá 7.500 euros en oitos categorías. Esta son: canle, youtubeira/o, youtubeira/o revelación, vídeo, calidade lingüística, pioneiro, rede e o premio do público. Os sete primeiros galardóns contan cunha dotación económica de 1.000 euros, mentres que para o último apartado a cifra ascende aos 500 euros.

Youtubeiras é un proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística de doce concellos (A Baña, Rois, Ames, Negreira, Teo, Santiago, Carballo, O Grove, Moaña, Rianxo, Pontevedra e Ribadeo), as universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña, co obxectivo de fomentar a creación no Youtube en galego con temáticas e formatos diversos.

Os Premios Youtubeiras celébranse este ano baixo o lema Para a rede, a nosa. Esta máxima procura transmitir fachenda e forza, ademais dun ton enérxico, para subliñar o traballo desenvolvido pola comunidade Youtubeiras dende a súa posta en marcha. Ao abeiro desta iniciativa que vai máis aló duns premios e que xorde da colaboración de institucións que se unen a prol do fomento da lingua, conseguiuse crear e ensanchar unha comunidade viva e dinámica na nosa lingua na Rede. Para continuar pola senda da medra, Youtubeiras este ano ten como obxectivos incentivar a profesionalización dos/as  youtubeiros/as, poñer en valor a súa figura, achegar espazos de aprendizaxe especializada e promover temáticas aínda pouco tratadas a día de hoxe en galego en Youtube.

Mudanzas nas bases

Nesta sexta edición, os Premios Youtubeiras experimentan diferentes cambios. Ademais de reestruturar as categorías, modifícanse as bases nun aspecto fundamental para poder concorrer nestes premios. Se o ano pasado resultaba imprescindible para a inscrición contar cunha canle que tivese polo menos cinco vídeos publicados, nesta edición vólvese permitir a presentación de canles cun único vídeo. A organización revisa anualmente as bases dos Premios Youtubeiras, xa que o eido da creación dixital evoluciona e vive fondas transformacións a gran velocidade. 

Xurado e entrega

Os Premios Youtubeiras decídense a través dun xurado que cada ano se conforma coa intención de reunir diferentes perfís técnicos, creativos, audiovisuais e lingüísticos. Este ano, o xurado será o seguinte:  Olaxonmario, gañador do premio ao youtubeira/o do ano na edición anterior, Mónica Fernández Valencia, técnica de normalización lingüística do Concello de Ourense e coordinadora de Youtubeiras nas primeiras catro edicións; Carmen Nieto, dinamizadora e formadora no eido das novas tecnoloxías; Elvira Nercellas, estudante e integrante do Grupo por unha Medicina Galega en Galego, e Alba Rodríguez, administrativa que deu a coñecer o seu cambio de lingua ao galego a través de Twitter no ano 2018. O seu ditame darase a coñecer no mes de xaneiro durante unha gala de entrega que en edicións anteriores presentaron artistas como Patricia de Lorenzo, a compañía teatral A Panadaría ou Tanxugueiras.

O premio do público tamén se dará a coñecer na propia gala, mais serán as persoas usuarias das redes sociais quen decidan o proxecto premiado a través dunha votación aberta. Nese caso, o xurado encargarase de supervisar, comprobar o resultado e dar fe tanto da votación coma do resultado.

  • O proxecto de dinamización lingüística inicia as actividades cun obradoiro para profesorado o 23 de outubro en Pontevedra

  • A inscrición está aberta ata o día 20, con preferencia para docentes dos concellos participantes e dos niveis educativos aos que se dirixe a iniciativa

O Concello da Baña incorpórase este curso ao Enreguéifate, un proxecto que promove o uso do galego entre as crianzas e a mocidade a través da regueifa, unha das expresións da poesía popular oral. A iniciativa celebra a súa décima edición coa participación de oito concellos e comeza a programación cun obradoiro dirixido a profesorado interesado en empregar a improvisación oral como ferramenta didáctica.

A formación terá lugar o venres 23 de outubro, de 16.30 a 20.30 horas, no Pazo da Cultura de Pontevedra. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o martes 20 de outubro, a través do formulario habilitado.

O obradoiro contará con 45 prazas. Se as solicitudes superan a oferta, terá preferencia o profesorado dos concellos participantes, entre eles A Baña, e dos niveis educativos aos que se dirixe o proxecto: 5º e 6º de educación primaria e educación secundaria obrigatoria (ESO).

Recursos para levar a regueifa ás aulas

Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Manolo Maseda e Séchu Sende conducirán a sesión, na que ofrecerán recursos para traballar a regueifa nas aulas. A través da improvisación oral, o profesorado poderá explorar estratexias para mellorar a expresión e o traballo en equipo, así como fomentar a empatía e valores como a igualdade e o respecto á diversidade.

A formación servirá tamén para presentar o Enreguéifate, que ao longo de dez anos de traxectoria traballa na dinamización da lingua galega entre a poboación máis nova.

A Baña e Narón incorpóranse nesta edición aos concellos de Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo como impulsores do proxecto, a través dos seus servizos de normalización lingüística. Nas vindeiras semanas daranse a coñecer os detalles da programación desta décima edición.

  • Os premios repartirán 7.500 euros entre as persoas gañadoras de oito categorías

  • O prazo de inscrición abrirase o 27 de setembro e finalizará o 15 de novembro.

  • Youtubeiras é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, O Grove, Moaña, Negreira, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Rois, Santiago de Compostela e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña

 

20220601 Youtubeiras Rolda2

 

Youtubeiras, proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística de once concellos, entre os que está A Baña; das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación no Youtube en galego con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede, chega neste 2022 á súa sexta edición co obxectivo de ensanchar a comunidade creadora. Para acadar esta meta, recuperarase a presencialidade no encontro creativo e nas xornadas en centros educativos ao tempo que se reestruturarán as categorías dos Premios Youtubeiras.

“Nos últimos cinco anos, o Proxecto Youtubeiras impulsou unha comunidade creadora na Rede en galego que non deixou de medrar ao abeiro dunha iniciativa que é xa unha realidade consolidada grazas ao compromiso de todas as institucións participantes, que amosan unha implicación inequívoca co idioma, coas novas linguaxes dixitais e cos novos camiños que se abren para a nosa lingua”, sinalou Socorro García Conde, como representante do proxecto Youtubeiras, nunha rolda de prensa celebrada hoxe en Santiago de Compostela, e na que tamén participaron María López, Concelleira de Lingua e Mocidade do Concello de Teo e Gumersindo Feijoo, vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela. Lorena Trillo, concelleira de Cultura, asistiu ao acto en representación do Concello da Baña.

“En cada edición o noso propósito é visibilizar e achegarlle ao proxecto as novas caras que están presentes nas redes. Desta volta, procuramos sumar persoas de todas as idades que poidan facer vídeos con habelencias concretas en ámbitos de todo tipo, que compartan vídeotitoriais para resolver problemas do día a día”, sinalou García Conde, antes de engadir que “é un perfil que se quere incorporar á comunidade youtubeira para que compartan os seus coñecementos e manteñan canles desta natureza”. Ese tipo de perfil que se pretende impulsar nesta edición incorporarase a unha iniciativa novidosa que se levará a cabo dende a organización: un catálogo de youtubeiras e youtubeiros. Tratararase dun grande escaparate dixital que terá como obxectivos favorecer a visibilidade a través da web (www.youtubeiras.gal) e das redes sociais do proxecto, propiciar unha comunidade máis consolidada e ofrecerlle ao público un lugar de referencia na búsqueda de contigo dixital en galego.

20220601 Youtubeiras Rolda1Para rede, a nosa

Pola súa banda, María López encargouse de desvelar o lema para esta sexta edición: Para rede, a nosa. “Con este lema, forte e enérxico, simbolízase a seguridade e máis o orgullo de termos unha rede de creadoras e creadores que xeran contidos en Youtube, mais tamén noutras plataformas: Twitter, Facebook, Instagram, TikTok ou Twitch. Así está a medrar a presenza da nosa lingua nos novos formatos, conectando con novas xeracións e chegando a outros espazos imprescindibles para o futuro”, sinalou López, quen tamén destacou que Youtubeiras actúa como un “elemento normalizador da nosa fala” e de “divulgación da nosa cultura”.

Para fomentar e fortalecer o sentimento de comunidade, tras os dous últimos anos de pandemia, Youtubeiras recuperará a presencialidade nalgunhas das súas actividades de convivencia, intercambio e formación. Adiantouno así Gumersindo Feijoo, en representación da USC, quen sinalou que a primeira delas será o encontro creativo: a Megacolab, dinamizado por Gingko. Trátase dunha xornada de creación colectiva entre youtubeiros/as. Celebrarase o sábado 18 de xuño en horario de 11 a 14 h e de 16 a 19 h no Espazo Apego, en Santiago de Compostela. Para asistiren, as persoas interesadas deben inscribirse antes do 16 de xuño a través da páxina web de Youtubeiras, xa que as prazas son limitadas.

A seguinte das actividades terá lugar o 21 de setembro ao vivo na canle de Youtube do proxecto. Será unha conversa en liña titulada Unicornios e linguas non hexemónicas na Rede, coa participación das canles Canal Malaia (Catalunya), PlayPresta (Asturies), Iruñe @ARKKUSO (País Vasco) e Youtube en galego. Xa en decembro, celebrarase un obradoiro formativo impartido pola asesora fiscal Paloma López Retorta, de Cifras Asesoría. Neste obradoiro, analizaranse claves de facturación, declaracións fiscais, o traballo por conta propia e as fórmulas de declaración dos ingresos acadados en Youtube.

Reestruturación dos Premios Youtubeiras

Na rolda de prensa anunciouse ademais a publicación das bases dos VI Premios Youtubeiras -que xa se poden consultar na páxina web www.youtubeiras.gal-, que inclúe dúas grandes novidades neste 2022. A primeira é que se permitirán a participación de canles cun único vídeo publicado, a diferenza da edición do ano pasado que limitaba a concorrencia a quen tivese como mínimo cinco vídeos. Os vídeos han estar publicados a partir do 22 de outubro do 2021.

Os Premios reestruturan, ademais, as súas categorías. Contarase cun total de oito apartados: youtubeira/o, canle, vídeo, youtubeira/o revelación, premio á calidade lingüística, pioneiro, rede e premio do público. As persoas gañadoras dos sete primeiros recibirán 1.000 euros, mentres que no último caso a dotación económica ascenderá aos 500 euros. Así, os Premios Youtubeiras repartirán un total de 7.500 euros. O prazo de inscrición para competir no concurso abrirá o 27 de setembro e finalizará o 25 de novembro.