A partir do 27 de maio próximo xa se poden presentar as novas creacións ao certame Youtubeir@s 2020.
As entidades organizadoras deste proxecto acordaron facer públicas as bases antes de iniciar o prazo de participación para facilitarlles a todas as persoas interesadas as condicións que deberán reunir para optar a algún dos galardóns. Deste xeito, a vitalidade creativa que se está amosando durante o período de confinamento poderá canalizarse tamén á participación nos premios.
Youtubeir@s, tanto con estes premios como coas demais actividades que inclúe -formación, divulgación, encontros coa comunidade etc.-, ten como obxectivo ampliar o uso do galego na produción audiovisual non profesional que se distribúe polas redes, convidando as persoas a compartiren contido en galego e a incorporaren a nosa cultura, as nosas tradicións e o noso saber a estas canles e colaborando a difundir os traballos e as persoas que os producen para crear e asentar a comunidade youtubeira.
O evento máis sobranceiro do programa, activo desde 2016, é a convocatoria anual do concurso, que este ano incorpora novidades. A primeira e máis destacada é a modificación e ampliación de categorías, que pretende dar cabida á totalidade de xéneros que se están producindo e tamén recoñecer un máis amplo abano de cuestións relevantes no fenómeno youtubeiro. Como resultado desta modificación aumenta tamén o orzamento dedicado aos premios.
Establécense tres categorías principais dotadas con 1.000 euros cada unha:
- CANLE
- YOUTUBEIR@
- VÍDEO
Dótanse asemade con 500 euros outros nove premios nas seguintes modalidades:
- CALIDADE LINGÜÍSTICA
- IMPACTO
- CALIDADE TÉCNICA
- COMUNICACIÓN
- CREATIVIDADE
- MUSICAL
- DIDÁCTICO
- PIONEIRO
- DO PÚBLICO
As persoas que desexen participar no certame deben ter en conta que os traballos teñen que estar publicados despois do 27 de setembro de 2019 e cumprir co resto das especificacións que recollen as bases da convocatoria.
Youtubeir@s é un programa que organizan e manteñen os servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, Moaña, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago, Rianxo, Teo e O Grove, as universidades de Santiago, A Coruña e Vigo ademais da Deputación da Coruña.