O Diario Oficial de Galicia publica a resolución da consellería de Cultura e Turismo pola que se convocan os cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados Celga. Estes cursos poden ser solicitados por aquelas persoas, maiores de dezaseis anos, que desexen mellorar o seu coñecemento e dominio do galego e preparar as probas que a Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca para certificar a competencia nesta lingua.
A Xunta de Galicia ofrece un total de 35 cursos, dos cales 11 se impartirán na modalidade presencial e os 24 restantes na de teleformación. Todos eles son gratuítos e teñen unha duración de 70 horas lectivas. Os cursos presenciais desenvolveranse de luns a xoves, en horario de tarde, entre o 16 de marzo e o 8 de maio de 2020. Na provincia da Coruña realizaranse seis cursos deste tipo, dous deles en Santiago de Compostela (Celga 3 e Celga 4). Nesta provincia tamén se ofrecen 9 cursos na modalidade de teleformación.
O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 19 de febreiro. Para máis información pode consultarse a resolución desta convocatoria, publicada no Diario Oficial de Galicia número 19 de 29 de xaneiro de 2020, neste enlace.