A Biblioteca Escolar do CPI San Vicente, en colaboración co Concello da Baña, organiza unha saída fotográfica o sábado 24 de febreiro para aprender nocións básicas de técnicas da imaxe. O evento forma parte dun concurso fotográfico organizado polo centro escolar para conmemorar o Día da Auga. A participación está aberta a todas aquelas persoas, maiores e pequenos, interesadas en pasar unha mañá de sábado de natureza e fotografía.

As persoas participantes daranse cita na Casa da Cultura ás dez da mañá para, desde alí, dirixirse camiñando ata o río Albariña. O tema central do concurso de fotografía Auga é o líquido elemento, polo que este debe ser o protagonista das imaxes: ríos, saltos, regatos, muíños, pontes, fontes, pozas, lavadoiros...

O prazo de presentación de fotografías para este concurso remata o venres 16 de marzo. Haberá tres categorías, cada unha con tres premios: Educación Primaria, ESO e adultos. As imaxes que participen no certame serán expostas nos corredores do CPI San Vicente e aquelas que sexan seleccionadas ilustrarán o libro Auga, que recollerá tamén unha escolma de literatura oral da contorna relacionada coa auga.

Máis información: Facebook da Biblioteca Escolar CPI San Vicente.

 

O concurso de Entroido organizado polo Concello da Baña reuniu o Sábado de Piñata na Praza do Concello, en San Vicenzo, a multitude de persoas. A vistosa comparsa dos Xigantes venecianos foi a gañadora en dúas categorías, comparsa e carroza, mentres que os galardóns individuais recaeron na Pequena domadora e o leonciño, en infantil, e no Carro romano, en adulto. En total, o Concello da Baña repartiu preto de 1.700 euros en premios.

O desfile concentrouse nas rúas Xacinto Rodríguez, Praza do Concello e rúa Tedelle. Xa no polideportivo, houbo animación para os máis pequenos mentres o público agardaba polo veredicto do xurado, que lle outorgou o galardón principal das categorías de comparsa e carroza a Os xigantes venecianos. Os segundos clasificados na modalidade de comparsas foron Os habitantes das fragas, mentres que Os robotitos acadaron a terceira posición, e Os xubilados pola Baña foron cuartos. Na categoría de carrozas, A Baña en obras quedou en segundo lugar, seguidos por Canta Landeira e Os esquimós. Finalmente, os premiados polo mellor disfrace individual foron A Pequena domadora e o leonciño, en infantil, e O carro romano, en adulto.

Podes ver unha ampla selección de fotos do desfile na páxina oficial do Concello da Baña en Facebook  (preme aquí) 

Os esquimós
Integrantes das comparsa 'Os esquimós'

 

Attachments:
Download this file (Bases Entroido 2018.pdf)Bases Entroido 2018[ ]141 kB
Download this file (Cartel.pdf)Cartel Entroido 2018[ ]651 kB