• As persoas interesadas en participar poderán anotarse ata o día 24 de xeito telemático ou presencialmente no rexistro municipal //

  • Haberá premios en metálico nas seis categorías do concurso //

  • A festa iniciarase ás 16.00 coa charanga Os Celtas para darlle paso ao desfile a partir das 16.30 horas //

  • Unha disco móbil e inchables poñeranlle a guinda á xornada //

O sábado 25 de febreiro será o día no que o Concello da Baña celebre o seu tradicional desfile de entroido, no que repartirá un total de 3.350 euros en premios nun total de seis categorías: carrozas, comparsa, grupo, parella, individual infantil e individual adulto.

A festa comezará ás 16.00 horas coa actuación da charanga Os Celtas, para darlle inicio ao desfile ás 16.30 horas. Unha vez remate, procederase á entrega de trofeos e maiores e cativada poderán seguir gozando coa música de CDC Disco Móvil e inchables.

Todas as persoas interesadas en participar no concurso de entroido deberán cubrir o formulario de inscrición e presentalo telematicamente a través da sede electrónica do Concello da Baña ou de xeito presencial no rexistro municipal. A data límite para inscribirse é o venres 24 de febreiro ás 14.00 horas. No caso dos menores de idade, o formulario de inscrición deberá ir acompañado dunha autorización asinada polo pai, nai ou titor/a.

O Concello outorgará premios en metálico nas seis categorías do concurso de disfraces. As categorías de carroza e de comparsa contarán con 1.450 euros para os premios, divididos  nun primeiro premio de 900 €, un segundo de 400 € e un terceiro de 150 euros. Nas categorías de individual infantil, individual adulto e parella outorgarase un único premio de 100 euros. E o mellor grupo levará 150 euros.

Segundo as bases, os grupos deberán estar formados por entre 3 e 6 persoas, mentres que as comparsas e as carrozas terán que ter un mínimo de 7 membros. Ademais, no caso das carrozas todas as persoas (ou unha parte) integrantes terán que desfilar enriba dun móbil. En todos os casos, os membros deberán representar un mesmo motivo e nomear a un voceiro ou voceira.

O concurso desenvolverase pola rúa Rosalía de Castro, a praza do Concello e a rúa Xacinto Rodríguez. O xurado, composto por tres persoas alleas ao Concello da Baña valorará o vestiario e a maquillaxe, o emprego de materiais de refugallo e o traballo a man, a orixinalidade, a posta en escena e a interacción co público.

Todos as persoas participantes, grupos, carrozas e comparsas que o desexen poderán facer unha exposición ou actuación diante do concello e para iso terán un tempo máximo de 5 minutos.

As bases, a ficha de inscrición e o modelo de autorización, no caso dos menores, están dispoñibles nos arquivos adxuntos.