20220817 Cartel Torneo Xadrez copiaO pavillón municipal de San Vicenzo acollerá o domingo 18 de setembro o I Torneo de Xadrez Concello da Baña, unha proba puntuable para o VI Circuíto Intercomarcal de Xadrez da Deputación da Coruña. Trátase dunha competición de xadrez rápido que repartirá un total de 700 euros en premios: para os 10 primeiros clasificados, por categorías e por idade e, por último, para os mellores deportistas locais.

O torneo disputarase ao longo de todo o día seguindo o sistema de xogo suízo, con 7 ou 8 rondas segundo o número de xogadores e xogadoras. A primeira rolda disputarase ás 11.30 h e a cerimonia de clausura está prevista para as 19.00 h. Entrementres, unha chea de partidas cun ritmo de xogo de 10 minutos e emparellamentos realizados mediante un programa informático decidirán os máis de 20 premiados en total.

Os tres primeiros clasificados recibirán un trofeo e un premio en metálico de 120€, o primeiro; 100€ o segundo e 80€ o terceiro. Tamén haberá premios en metálico da cuarta á décima posicións e diferentes galardóns atendendo ás categorías por idade dos participantes, así como un recoñecemento para os tres mellores xadrecistas da Baña. Ademais, sortearanse agasallos para os non premiados.

A inscrición no I Torneo de Xadrez Concello da Baña está aberta ata o sábado 17 de setembro, un día antes da competición. Ten un custo xeral de 8€, se ben os sub-16 e xogadores/as locais pagarán 5€, e pode realizarse por teléfono (617 234 393) ou por correo electrónico (Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.).

O torneo está organizado polo Club Xadrez Arteixo e conta co patrocinio do Concello da Baña e coa colaboración da Deputación da Coruña e da empresa Lau Creaciones. Ademais de ser puntuable para o VI Circuíto Intercomarcal de Xadrez da Deputación da Coruña, tamén é válido para ELO FIDE de xadrez rápido (sistema de cualificación da Federación Internacional de Xadrez), en cuxo caso cómpre estar federado/a. As bases da competición poden consultarse no arquivo adxunto.