·        A próxima cita será un obradoiro de  nutrición o sábado 26 de  marzo

·        Maio será o mes da aventura coa práctica de kayak, rafting, corda tirolesa e pontismo

·        O Día do Deporte acollerá exhibicións e competicións de pilates, zumba, tenis de mesa, xadrez, patinaxe, fútbol sala ou petanca

20220311 actividades deportivas

 

Un obradoiro de nutrición que se celebrará o sábado 26 de marzo daralle continuidade ao programa de actividades saudables e deporte que desenvolverá ata setembro o Concello da Baña e que deu comezo o pasado 26 de febreiro cun curso de defensa persoal para mulleres impartido pola adestradora nacional de karate Carolina Vázquez. O programa, organizado pola Concellaría de Promoción da Vida Activa e Deporte e orientado tanto ao benestar físico como psíquico da veciñanza, recolle unha variada oferta que abrangue dende un curso de primeiros auxilios ata talleres de arteterapia ou mindfulness e a práctica de deportes de aventura.

Abril terá dúas citas. A primeira, programada para o sábado 2, será un curso de primeiros auxilios e uso de desfibriladores DESA. A segunda, o sábado 30, centrarase na arteterapia creativa, o mindufulness e o desenvolvemento persoal.

Maio, pola súa parte, será o mes da aventura. Cada sábado dedicarase a realizar ata catro deportes diferentes, como son kayak, rafting, corda tiloresa e pontismo.

Xa en xuño, o día 4 clausurarase o curso das escolas deportivas municipais. O sábado seguinte, día 11, o ioga tomará o protagonismo con Ana Prema e, en data aínda por determinar, farase unha exhibición de patinaxe na que participará alumnado de diversos clubs e que incluirá tamén unha masterclass.

 

O Día do Deporte pechará a programación en setembro cunha xornada festiva dedicada ao desenvolvemento de exhibicións e competicións de distintas modalidades deportivas como pilates, zumba, tenis de mesa, xadrez, patinaxes, fútbol sala ou petanca. 

A Baña desenvolverá ata setembro un amplo programa de actividades saudables e de deporte