2020 Horario Escolas Deportivas

 

O Concello da Baña fai público o protocolo anti covid para as actividades das Escolas Deportivas Municipais, que ten como obxectivo limitar ao máximo posible a capacidade de transmisión da enfermidade. Este protocolo inclúe unha normativa a seguir por todos os axentes que participan directa ou indirectamente na práctica deportiva, así como os planos das instalacións (pavillón e sala CPI) que regulan os fluxos de circulación das persoas e a ubicación dos diferentes elementos.

Na normativa de protección establecida figura a condición de non compartir material con carácter xeral (ou desinfectalo se é preciso compartilo), deixar os efectos persoais nos espazos habilitados para tal finalidade, realizar unha medición de temperatura antes de comezar a actividade, limpar as mans con hidroxel tanto á entrada como á saída e garantir o mantemento da distancia interpersoal de seguridade e a utilización de máscara. O uso dos vestiarios non está permitido, como tampouco a asistencia de público aos adestramentos ou ás clases.

O protocolo anexo nesta nova detalla polo miúdo as disposicións a adoptar en cada momento tanto por parte do monitorado como das familias ou dos propios deportistas. Inclúe as medidas de desinfección e limpeza de superficies e do material. Tamén se refire á declaración responsable que hai que entregar asinada coa aceptación das condicións de participación, obriga de información e consentimento informado para participar na actividade e explica os pasos a seguir no caso de presentar sintomatoloxía do virus covid 19. Por último, remarca que no caso de xurdir algún gromo nalgunha das instalacións ou actividades, automaticamente se cesará o uso da mesma e contactarase coa autoridade competente para cumprir as súas indicacións.

 

Inscrición e comezo da actividade

 

O 5 de outubro ábrese o prazo de inscrición nas Escolas Deportivas do Concello da Baña para o presente curso 2020/2021. As modalidades que se ofrecen este ano son patinaxe artística, tenis de mesa, karate, pilates, baile moderno, zumba, expresión corporal e xadrez. O prezo de cada actividade (agás xadrez), con dúas clases á semana, é de 60 euros para todo o curso. Se se elixen dúas ou máis, o prezo será de 90 euros.

As clases darán comezo o martes 13 de outubro, trala festividade do Pilar. Nesa semana, entre os días 13 e 16, faranse xornadas de portas abertas para que todas as persoas que o desexen poidan asistir e ver como se desenvolven as distintas actividades.

A inscrición pode facerse a partir de hoxe de tres xeitos diferentes: na sede electrónica do Concello da Baña, na Concellaría de Deportes ou enviando un correo electrónico ao enderezo Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.. Os formularios que hai que remitir son a ficha de inscrición, a domiciliación bancaria e unha declaración responsable por causa da covid-19. Cabe ter en conta que é preciso contar cun número mínimo de inscritos para a realización das actividades e tamén que as prazas son limitadas.

As actividades desenvolveranse polas tardes no pavillón de San Vicenzo e no ximnasio do colexio da Baña. Concretamente, o polideportivo acollerá patinaxe artística (luns e venres de 17:00 a 18:00 horas) e expresión corporal (martes e xoves de 15:45 a 16:45). Pola súa parte, no CEIP da Baña daranse as clases de baile moderno (martes e xoves de 17:00 a 18:00 horas), tenis de mesa (luns e venres de 17:00 a 18:00 horas), karate (martes e xoves de 18:00 a 19:00 horas), zumba (luns e mércores de 19:30 a 20:30 horas) e pilates (martes e xoves de 20:00 a 21:00 horas). Xadrez farase en liña en horarios aínda por determinar.