• Recupera o mando que logrou nas municipais de 2019 e que perdeu hai ano e medio por unha moción de censura //

  • A edil do BNG sumouse aos votos favorables dos cinco concelleiros que os socialistas obtiveron nas municipais //

  • O exrexedor Andrés García Cardeso, do PP, queda á fronte da oposición con outros cinco edís //

 

Pasaban apenas dez minutos do mediodía cando José Antonio Pereira Gil era elixido esta mañá como alcalde do Concello da Baña para o período 2023-2027. Pereira contou no pleno de constitución da Corporación cos votos favorables dos cinco concelleiros socialistas e da única edil do Bloque Nacionalista Galego, o que lle permitiu volver facerse coa alcaldía tal e como acontecera tralas municipais de 2019, daquela co apoio de Compromiso por Galicia.

“Síntome moi orgulloso de volver ser alcalde” foron as primeiras palabras que pronunciou José Antonio Pereira logo de coller o bastón de mando e xusto antes de recordar a “inxusta e inxustificada” moción de censura que presentaron Partido Popular e os seus socios de Compromiso por Galicia para desaloxalo da alcaldía en decembro de 2022. “Eu creo que o tempo pon a cada un no seu sitio e aquí hoxe podemos ver quen está na oposición e quen vai ter o goberno”, sinalou.

Ademais de agradecer o apoio do BNG e de todas as persoas que votaron ao PSdeG, Pereira recordou no seu discurso ao seu equipo e á súa familia e celebrou que a veciñanza bañense poida contar outra vez cun goberno progresista, que ten como prioridade “traballar arreo para lograr que A Baña sexa un concello con futuro”.

20230617 ABanha Corporacion 2

O alcalde saínte, o popular Andrés García Cardeso, e a concelleira socialista Vanessa Gil foron os dous concelleiros que formaron a mesa de idade, por ser o maior e a menor da Corporación. Foi precisamente esta última a que lle entregou o bastón de mando a José Antonio Pereira unha vez ratificado o apoio maioritario dos once concelleiros da Corporación.

20230617 ABanha Entrega baston 2

O acordo entre PSdeG e BNG que posibilitou a investidura de Pereira asinouse o pasado xoves pola mañá e fai tenente de alcalde á nacionalista Mónica González Blanco. Quedan en mans do BNG as áreas de Servizos Sociais, Igualdade, Benestar, Cultura e Educación. O reparto do resto das áreas entre os socialistas establecerase no pleno de organización. Estas áreas son: Contas e Persoal; Obras, Urbanismo, Patrimonio e Servizos Básicos; Formación, Emprego e Novas Tecnoloxías; Medio Rural e Medio Ambiente; e Deportes.

20230617 ABanha Goberno coalicion

Dende as primeiras eleccións democráticas, celebradas en 1979, na Baña sucedéronse só tres alcaldes. O primeiro foi o tamén socialista Francisco Villaverde Marcos, que gobernou ata 1995. Tomou o relevo o popular Andrés García Cardeso, que ostentou o cargo durante 24 anos ata que un acordo entre o PSdeG e Compromiso por Galicia levou a José Antonio Pereira á alcadía tralas eleccións municipais de 2019.

Con Pereira de novo alcalde, García Cardeso volve agora a poñerse á fronte da oposición con cinco concelleiros.

A nova Corporación da Baña

A Corporación da Baña para a presente lexislatura queda conformada polos seguintes concelleiros:

Partido Socialista de Galicia (PSdeG): José Antonio Pereira Gil, Jesús Manuel Pena Varela, Vanessa Gil Vilacoba, Álvaro Silva Suárez e Ana Pensado Louzao.

Bloque Nacionalista Galego (BNG): Mónica González Blanco.

Partido Popular (PP): José Andrés García Cardeso, Alberto Blanco Fajín, Patricia Lois Carballeira, Francisco Pérez Redondo e María Belén Capeáns Gómez.

Attachments:
Download this file (20230617_ABanha_Corporacion_1.jpg)20230617_ABanha_Corporacion_1.jpg[ ]667 kB