• O Concello achegou 8.000 euros para acondicionar as instalacións //

  • O alcalde considéraas unha “infraestrutura deportiva de calidade que está a ter xa moita demanda” //

  • César Ramos: “O Concello fixo un investimento importante para ampliar a oferta deportiva municipal” //

20230111 Diego Calvo inaugura pistas padel Lanhas 1

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo alcalde da Baña, Andrés  García Cardeso, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, e o tenente de alcalde César Ramos, visitou hoxe o pavillón polideportivo de Lañas, para comprobar as melloras realizadas co apoio da Xunta e que permitiron a construción de dúas pistas de pádel. A obra supuxo un investimento de 47.589,30 euros, dos que o Goberno galego achegou 40.000 e o Concello, 7.589,30 euros.  

Segundo sinalou Diego Calvo, a través desta iniciativa a Xunta quere facilitarlle á veciñanza da Baña a práctica deportiva nun espazo axeitado, que contribúa ademais a impulsar o aproveitamento do polideportivo municipal.

Andrés García Cardeso destacou que coas pistas de pádel dáselle un “xiro importante ao uso do polideportivo de Lañas para practicar un deporte que está de moda”. O alcalde destacou que o investimento realizado permite “crear unha infraestrutura deportiva de calidade que está a ter xa moita demanda”, como corroboran as numerosas chamadas que se están a recibir no Concello para participar nas xornadas de portas abertas da vindeira fin de semana. García Cardeso tivo palabras de agradecemento para a Secretaría Xeral para o Deporte e a Vicepresidencia Segunda por apoiar a iniciativa do Concello da Baña.

No mesmo senso se manifestou o tenente de alcalde e concelleiro de Promoción da Vida Activa e Deporte, César Ramos, que destacou o “importante investimento feito pola Xunta e o Concello para ampliar as modalidades deportivas que se ofertan na Baña, sobre todo nunha disciplina que está tendo moita demanda entre a poboación”.

20230111 Diego Calvo inaugura pistas padel Lanhas 4

Dúas pistas

Coa inauguración das instalacións dáselle cumprimento aos obxectivos do convenio de colaboración asinado o pasado ano entre Xunta e Concello da Baña para a reestruturación do polideportivo de Lañas, coa creación das pistas de pádel. As obras consistiron na nivelación do pavimento e no levantamento do recinto para a colocación dunha estrutura autoportante con frontes de vidro temperado e puntos de iluminación con focos LED. As obras, que comezaron a mediados de decembro, foron executadas pola empresa Sport Equipalias.

Durante a visita, o vicepresidente segundo incidiu na aposta do Goberno galego pola creación de novas instalacións deportivas e a mellora das existentes, para o que se investirán neste ano 18 millóns de euros nas catro provincias galegas. Búscase así fomentar o deporte base e poñer á disposición da cidadanía infraestruturas municipais que lles garantan servizos de calidade a todos os galegos, con independencia do seu lugar de residencia.

Para Diego Calvo, a colaboración coas administracións locais para o fomento do deporte no ámbito municipal permite darlle resposta ao crecente interese da sociedade na práctica deportiva. Nesta liña, recoñeceu o labor do Concello da Baña como impulsor deste proxecto que lle facilita á veciñanza a posibilidade de levar unha vida saudable.

20230111 Diego Calvo inaugura pistas padel Lanhas 9

Xornadas de portas abertas

Para dar a coñecer as pistas de pádel, o Concello da Baña organizou esta fin de semana dúas xornadas de portas abertas os días 14 e 15 de xaneiro para quen queira practicar este deporte.

As persoas que desexen xogar e probar as novas pistas deberán facer, de xeito gratuíto, a reserva de hora chamando ao teléfono 669 368 413 e indicar o tramo horario que prefiren (a reserva será dun máximo de 90 minutos por persoa). Para facer a reserva deberán chamar de 10.00 a 14.00 horas ata o vindeiro venres.

As pistas estarán abertas ao público de 09.00 a 23.00 horas o sábado, día 14, e o domingo día 15.

A partir do 23 de xaneiro, o pádel incorporarase a oferta das escolas deportivas municipais que oferta a Concellería de Promoción da Vida Activa e Deporte do Concello da Baña.