-
Responde deste xeito ao peche da oficina de San Vicenzo, a única financeira existente en todo o municipio
O Concello da Baña tomou a decisión de retirar os seus fondos de Abanca e solicitar o peche da conta que ten nesta entidade bancaria en resposta ao peche da oficina que a financeira tiña en San Vicenzo, a única existente en todo o municipio.
A oficina de Abanca na Baña pechou as súas portas o pasado día 8 de setembro malia as mobilizacións desenvolvidas pola veciñanza, obrigada agora a desprazarse para efectuar calquera trámite bancario. Este peche englóbase nunha política de concentración por parte da entidade, que na mesma data pechou sucursais nas localidades coruñesas de Baíñas (Vimianzo), Zas e San Valentín, nas pontevedresas de Campo Lameiro e Campelo e nas ourensás de San xoán de Río, Padrenda e Quintela de Leirado, accións que os concellos afectados veñen denunciando como un desmantelamento do rural.
Coa decisión de retirar os seus fondos de Abanca, o Concello da Baña segue os pasos do de Vimianzo, que adoptou esta medida a semana pasada. Campo Lameiro, pola súa parte, declarou ‘persoa non grata’ ao máximo responsable da entidade, Juan Carlos Escotet.