• Green Capital Power prevé construír seis aeroxeneradores entre os municipios da Baña e de Val do Dubra //

O Concello da Baña vai recorrer a decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de desestimar a suspensión cautelar do parque eólico de Vilartoxo que a empresa Green Capital Power S.L. planifica construír nos municipios da Baña e Val do Dubra.

Aínda que rexeita a petición do Concello de suspender cautelarmente a tramitación deste parque eólico, o TSXG continúa analizando o contencioso-administrativo que presentou o Concello contra a resolución da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Consellería de Economía, Industria e Innovación de concederlle á sociedade Green Capital Power S.L. ás autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico de Vilartoxo.

A Baña xustificara a súa petición de suspender cautelarmente a tramitación deste parque eólico no dano que lle pode causar aos núcleos de poboación próximos, así como a saúde da veciñanza e do gando. Ademais, incide nas molestas acústicas e no risco de perda de hábitats naturais, sobre todo para as aves. O TSXG rexeitou esta argumentación.

O parque eólico de Vilartoxo estará formado por seis aeroxeneradores, algún dos cales dista menos de medio quilómetro de tres núcleos de poboación con 81 veciños e menos de dous quilómetros doutros nos que reside un milleiro de persoas. O Concello teme tamén que afecte a máis de medio cento de mananciais e chama a atención sobre o que considera unha fragmentación fraudulenta de proxectos, o que lle permitirá a Green Capital Power sacar adiante un gran parque presentándoo como se fosen varios pequenos.