• A Xunta financiará as obras cun investimento de preto de 360.000 euros //

  • A actuación comprende a execución de beirarrúas de polo menos dous metros de ancho nas dúas marxes da AC-444 //

  • Tamén se implantará a canalización de abastecemento e se rematará cos vertidos das vivendas cara á estrada //

 

A Baña contará na zona do Seilán cun itinerario peonil continuo de 900 metros, que transcorrerá por ámbalas dúas marxes da estrada AC-444 entre os puntos quilométricos 0+570 e 1+450. As obras, orzamentadas en preto de 360.000 euros, correrán a cargo da Xunta e teñen como obxectivo mellorar a accesibilidade e a seguridade peonil. Así llo comunicou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, ao alcalde da Baña, Andrés García, no encontro de traballo que mantiveron a semana pasada en San Caetano e no que tamén participou o delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor.

A titular de Infraestruturas da Xunta adiantou que nos vindeiros días se iniciará a supervisión técnica do proxecto coa fin de poder sometelo a información pública o antes posibles, xa que require de expropiacións, e adiantou que a actuación comprende a renovación e ampliación das beirarrúas existentes, ademais de executar novos treitos de beirarrúa ou unha senda de formigón alí onde agora non as hai. O que se busca, sinalou, é garantir un ancho de 2 metros para favorecer a accesibilidade. 
 
A intervención inclúe tamén a implantación de canalización de abastecemento, seguindo o trazo da beirarrúa ampliada, tal e como demandou o Concello. Outra das solicitudes municipais que se comprometeu a atender a titular de Infraestruturas é a de duplicar a condución de saneamento co fin de eliminar os vertidos actuais de varias vivendas cara á estrada.
 

Ethel Vázquez puxo en valor o traballo do Goberno galego para manter en boas condicións de seguridade e de comodidade a rede viaria autonómica, con actuacións como o reforzo do firme levado a cabo recentemente nas estradas AC-406 e AC-546, que supuxeron un investimento de preto de 300.000 € só no concello da Baña.

A mellora do firme destas vías enmárcase nun contrato maior co que se actuou en tres estradas de titularidade da Xunta ao seu paso polos concellos de Tordoia, Coristanco, Santa Comba, Mazaricos, Negreira e A Baña cun investimento global que supera o 1,5 millóns de euros.