20190903 Paso Vaca Baña

O Concello da Baña inaugurou hoxe o seu primeiro paso de vaca permanente apoiando así a iniciativa da Casa Grande de Xanceda que ten como obxectivo reivindicar a figura deste animal e da industria leiteira en Galicia, dado que son fundamentais para a riqueza e o emprego no rural, xunto coa figura da vaca como icona da nosa paisaxe. Ademais da Baña, hoxe tamén inauguraron pasos de vacas permanentes os concellos de Mazaricos, Mesía e Santa Comba, catro municipios fortemente relacionados co sector leiteiro, que amplían unha proposta que comezou o ano pasado no centro da Coruña.

20190903 RP Paso vacaO alcalde da Baña, José Antonio Pereira, asegurou na rolda de prensa realizada esta mañá que “o sector leiteiro achega riqueza e axuda a desenvolver o rural. Iniciativas como o paso de vaca son fundamentais para reivindicalo e poñelo en valor”. Na presentación de hoxe na Casa Grande de Xanceda, o alcalde de Santa Comba, David Barbeira, asegurou que iniciativas como esta son moi necesarias xa que axudan “a que o rural non sexa abandonado”. Para Juan Blanco, alcalde de Mazaricos, supón un honor ser dos primeiros concellos en sumarse ao paso de vaca e agarda que sexan moitos máis os que apoien esta iniciativa.

Galicia é a maior produtora de leite en España e está entre as 10 primeiras da Unión Europea. Con todo, actualmente atravesa momentos delicados debido á baixada dos prezos e do consumo de produtos lácteos. Polo tanto, segue sendo unha boa ocasión para defender o sector lácteo, a vaca e a súa relevancia en Galicia.

Dende Casa Grande de Xanceda queren seguir impulsando esta iniciativa que tanto éxito tivo no 2018 coa inauguración do primeiro paso de vaca permanente no centro da Coruña e da que se fixeron eco tanto medios nacionais como no resto de Europa e incluso en América, informan os promotores. Unha maneira de reivindicar o rural galego e o sector leiteiro, que segue atravesando unha situación preocupante con variacións de prezos e unha diminución constante do consumo de produtos lácteos, o que afecta ás máis de 8.000 familias galegas que viven del. Galicia sofre un gran despoboamento, situación que se estende por todo o territorio rural español. O paso de vaca é unha chamada de atención para que na nosa cesta da compra escollamos produtos locais, que son os que axudan a manter vivo o noso rural. 

20190903 RP Paso vaca 16