O Concello da Baña irmandarase con localidades europeas ao abeiro do programa Europa cos Cidadáns, nunha acción dirixida á mocidade que terá lugar en Cerdeña do 6 ao 12 de marzo. En concreto, A Baña desenvolverá o proxecto Alianza de irmandamento para a acción en solidariedade social e os participantes da localidade coruñesa encontraranse con outros de Italia, Polonia, Romanía e Letonia.
Ao respecto desta iniciativa, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cecilia Vázquez Suárez, salientou que o obxectivo do programa "é favorecer que a xente nova teña máis oportunidades para o entendemento mutuo con outros mozos e mozas europeos, así como promover a solidariedade, a aprendizaxe cultural, o compromiso social e o voluntariado a escala da Unión Europea".
Na mesma liña, a Xunta promove outros dous proxectos similares cos concellos de Santa Comba e Padrón. Así, Santa Comba recibirá a finais de maio a 45 participantes de municipios de Eslovaquia, Italia, Portugal e Grecia, mentres que Padrón celebrará un irmandamento con localidades de Portugal, Italia, Eslovaquia, Grecia, Hungría e Alemaña, tamén en maio.
No último trienio, foron aprobados 676 proxectos no marco do Programa Europa cos Cidadáns, sendo concedidos a España 20 e dos cales 6 deles corresponden a Galicia.
Máis información neste enlace.