- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Servizos sociais INICIO
- Visto: 1866
O Concello da Baña, a través do Departamento de Servizos Sociais, pon en marcha un servizo de apoio emocional, social e familiar para afrontar a situación actual, dirixido a aqueles veciños e veciñas que consideren que precisan orientación ou axuda.
As persoas interesadas en beneficiarse deste novo servizo serán atendidas con cita previa, preferentemente de forma telefónica, aínda que se é preciso a atención pode ser presencial, gardando as medidas hixiénico-sanitarias. O horario do servizo é de 9.00 a 13.00 h os luns, mércores e venres, na casa da cultura da Baña. Para solicitar cita previa, o teléfono de contacto é o 981 817 605. Tamén se pode pedir por correo electrónico, no enderezo Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo..
Por medio da escoita activa e da empatía, este servizo de apoio ofrece estratexias para afrontar as dificultades polas que están a pasar aquelas persoas que están soas, non teñen con quen falar, non se senten ben, teñen dúbidas sobre a educacións dos seus fillos e fillas, están sobrecargadas ou teñen algún tipo de preocupación, por citar algúns exemplos. Servizos Sociais busca achegar solucións adaptadas a cada persoa ou situación.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Servizos sociais INICIO
- Visto: 1578
O Concello da Baña, seguindo as recomendacións das autoridades competentes e da actualización do Protocolo de actuación conxunta da Consellería de Política Social e da Consellería de Sanidade, paraliza o prazo de matrícula no Punto de Atención á Infancia (PAI) para o curso 2020-2021.
Unha vez remate o estado de alarma decretado polo Goberno central e se normalice a situación no país, dende o Concello estableceranse as novas datas para solicitar praza ou reservar a existente e presentar toda a documentación.
Por outra banda, e segundo o mencionado protocolo da Consellería de Política Social, tamén se pechan as unidades de atención temperá, polo que a unidade conxunta de Santa Comba e a Baña estará pechada ao público ata novo aviso.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Servizos sociais INICIO
- Visto: 1470
Aprender a ver e experimentar as conexións entre o corpo físico, a mente e as emocións. Este é o principal obxectivo de Tempos de mulleres, un ciclo de actividades que se desenvolverá a partir do martes 31 de marzo e ata o mes de xuño na Baña. Este programa vai dirixido a mulleres maiores de 18 anos.
En total, ofrécense 20 prazas. O ciclo desenvolverase en nove sesións de 3 horas de duración, entre as 9.30 e as 12.30 horas, no local municipal situado no primeiro andar do centro social e da terceira idade. Coa finalidade de fomentar o benestar e o autocoñecemento, realizaranse actividades de xogo, movemento, animación, expresión libre, creatividade, música e relaxación.
Tempos de mulleres está organizado polo Concello da Baña, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, do Ministerio de Igualdade.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Servizos sociais INICIO
- Visto: 1854
O Concello da Baña pon á disposición das persoas dependentes residentes no municipio un servizo de entrega a domicilio de alimentos, medicamentos e produtos de primeira necesidade. O alcalde, José Antonio Pereira Gil, vén de asinar un bando no que se garante apoio extraordinario a quen estea nesta situación e mentres dure o estado de alarma decretado polo Goberno central.
Para acceder ao servizo de entrega a domicilio destes produtos indispensables para o día a día, hai que chamar ao teléfono 981 886 501, en horario de 9.00 a 14.00 h, de luns a venres. Poderán acceder a el as persoas que se atopen nunha situación de especial vulnerabilidade.
O Concello, que pon en marcha esta iniciativa para garantir o benestar da veciñanza nestes momentos difíciles, chama a facer un uso responsable deste servizo, para que se poida chegar realmente ás persoas que máis o precisan.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Servizos sociais INICIO
- Visto: 1927
O prazo para solicitar a renovación da praza ou o novo ingreso no curso 2020-2021 no Punto de Atención á Infancia (PAI) da Baña abre o vindeiro luns, día 9. Ata o 30 de marzo pódense presentar as solicitudes de matrícula dos menores con idades comprendidas entre os 3 meses e os 3 anos.
Cun total de 20 prazas, o PAI da Baña ofrece atención educativa e atención ás necesidades básicas da infancia, á vez que favorece a conciliación da vida laboral e familiar. As familias poden optar por utilizar o servizo en réxime de media xornada (ata 4 horas) ou de xornada completa (de 4 a 8 horas). Cómpre salientar que non se fai discriminación de tarifa por horas, senón por tipo de xornada.
O centro ten un horario que vai das 7.45 ás 15.45 horas de luns a venres, se ben este horario está suxeito a modificacións en función das necesidades das familias. Canto aos horarios das crianzas, os nenos e nenas poden entrar no centro ata as 10.00 horas; aqueles que non comen no PAI teñen que saír antes das 13.00 horas; e, finalmente, a hora de recollida dos que si comen no centro é a partir das 15.00 horas.
Para formalizar a matrícula é necesario presentar os modelos debidamente cubertos, así como a documentación complementaria, nas oficinas municipais. Para máis información, contactar co departamento de Educación e Cultura ou coa educadora familiar. Nos arquivos adxuntos figuran os anexos que se deben cubrir e a ordenanza reguladora do PAI da Baña.

