O Concello da Baña celebra hoxe, 28 de xuño, o Día do Orgullo LGBTI+ reafirmando o seu compromiso coa igualdade e a diversidade. Neste día tan sinalado, o noso Concello únese á declaración institucional da Deputación da Coruña, manifestando así o noso apoio incondicional aos dereitos das persoas LGBTI+.
A declaración, que se pode consultar no documento adxunto, subliña a importancia de reivindicarnos como unha Galicia orgullosa, diversa e segura. É fundamental que todas as persoas, independentemente da súa orientación sexual ou identidade de xénero, poidan vivir, traballar, estudar e visitar os nosos concellos sentíndose libres e sen ningún tipo de limitación.
Neste 28 de xuño, O Concello da Baña quere destacar a súa determinación para seguir traballando en prol da inclusión e da igualdade. Fomentamos unha sociedade onde cada individuo poida ser quen realmente é, sen medo a ser discriminado ou excluído. É responsabilidade de todas e todos garantir que os nosos espazos públicos sexan acolledores e respectuosos con todas as diversidades.
Con esta conmemoración, reiteramos o noso compromiso con políticas municipais que promovan a igualdade de dereitos e oportunidades para todas as persoas, así como o noso rexeitamento a calquera forma de discriminación. Animamos a toda a veciñanza a continuar loitando pola plena igualdade.