O Concello da Baña vén de facer públicas as bases do Concurso de clans castrexos da I Festa Castrexa 2022, no que se premiará o mellor clan caracterizado, o máis numeroso e o máis diverso. O certame é un dos puntos fortes do programa da festa, que terá lugar o sábado 21 de maio no lugar do Castro.

Os participantes no concurso deberán vestir acorde á temática da festa: casaca e pantalón de liño, capas con pel, calzas de coiro con calcetíns de la... Ademais, cada clan estará identificado cun nome (que deberá constar no momento da inscrición) e portará un estandarte identificativo que os represente.

Hai en xogo premios en metálico, con 200€ para os vencedores nas categorías de clan mellor caracterizado e máis diverso; e tamén unha cea por valor máximo de 200€ para o clan máis numeroso, para desfrutar no recinto da feira castrexa no mesmo día.

Canto a número mínimo de participantes, con dúas persoas será suficiente para optar á modalidade de clan mellor caracterizado, mentres que os máis numerosos deberán superar os 9 integrantes. Por último, a categoría de máis diverso estará composta por un mínimo de 8 persoas que han de ser diversas en idade (avós e netos, por exemplo). As persoas participantes poderán presentarse a distintas categorías.

Aquelas persoas que desexen participar no Concurso de clans castrexos deberán cubrir a ficha de inscrición anexa nesta nova e enviala por correo electrónico a Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo., ou ben entregala nas oficinas do Concello. Así mesmo, os participantes menores de idade achegarán unha autorización de participación asinada pola nai, pai ou titor/a legal.

As bases do concurso, a ficha de inscrición e a autorización para menores de idade poden descargarse nos arquivos adxuntos.