20 agosto de 2024
O Concello da Baña abre o prazo de inscrición para o programa de conciliación laboral e familiar A Baña Madruga, que se desenvolverá no CPI San Vicente durante o curso escolar 2024/25. Este servizo está pensado para apoiar ás familias proporcionando unha solución flexible para a atención da cativada con idades comprendidas entre os 3 e os 16 anos en días lectivos.
O programa ofrece un servizo de gardería dende as 7:30 horas ata as 9:15 horas, proporcionando un espazo seguro e supervisado para os máis pequenos. Ademais, para os nenos e nenas que o desexen, tamén se ofrecerá un servizo de almorzo.
As familias poden elixir entre dúas modalidades de abono mensual: abono con almorzo (50€ ao mes) ou abono sen almorzo (40€ ao mes). Tamén existe a opción de empregar o servizo de forma esporádica en días soltos, cun custo de 4 euros por día. Non obstante, esta modalidade queda definida como servizo de urxencia, polo que non poderá superar os 5 días por curso.
As familias numerosas, debidamente acreditadas, poderán beneficiarse dunha bonificación do 20% sobre as cotas establecidas segundo a ordenanza municipal.
En caso de quedar prazas vacantes, poderanse realizar inscricións ao longo do curso en calquera das modalidades, cun mínimo de tres días antes á necesidade do servizo.
As familias interesadas poden inscribirse nas oficinas do Concello ou cubrindo os impresos que figuran nos documentos adxuntos, entregándoos presencialmente no Concello ou a través da sede electrónica. Para solicitar información está dispoñible o teléfono 981 88 65 01.
A admisión das solicitudes realizarase por rigorosa orde de presentación, ata cubrir o número total de 15 prazas dispoñibles.
As bases de funcionamento deste servizo e a ficha de inscrición poden descargarse nos arquivos adxuntos.
Esta actividade está financiada con cargo aos fondos recibidos do Ministerio de Igualdad, Secretaría de Estado de Igualdade e para a Erradicación da Violencia contra as Mulleres, no marco do Plan Corresponsables para o exercicio 2024.