As exhibicións da cativada foron premiadas con fortes aplausos
Os inchables puxéronlle a guinda a unha auténtica festa do deporte
As escolas deportivas municipais da Baña pecharon este 1 de xuño o curso 23-24 cunha festa no pavillón de San Vicenzo na que familias e público puideron ver exhibicións das diversas disciplinas que se imparten e que serviu tamén para recoñecer a traxectoria de cinco deportistas bañenses que participan en competicións nacionais.
Rapazas e rapaces integrantes das escolas municipais tiveron a oportunidade de amosar ante familiares e amigos todo o que aprenderon ao longo dos últimos meses con distintas demostracións de baile moderno, baloncesto, judo, karate, patinaxe artística e tenis de mesa, modalidades que xunto ás de xadrez e pádel e pilates para persoas adultas conformaron este curso a oferta deportiva do Concello da Baña.
A cativada que participou nas exhibicións veu recompensado o seu traballo con numerosos aplausos e unha mochila como agasallo que recibiron de mans do alcalde, José Antonio Pereira, e da concelleira de Deportes, Ana Pensado. Os menores que participaron este curso nas escolas deportivas municipais da Baña poden recoller tamén a súa mochila de recordo no departamento de deportes.
A xornada coincidiu co emotivo recoñecemento a deportistas bañenses que participan en competicións nacionais. O Club Patinaxe Torres de Altamira, de Brión, fixo unha demostración aoo rematar ás actuacións dos menores e as homenaxes. Despois, os inchables puxéronlle a guinda a unha clausura de curso que se converteu nunha vez máis nunha auténtica festa do deporte.