O Día Mundial da Infancia celébrase o 20 de novembro. Cúmprense 34 anos da aprobación da Convención sobre os Dereitos do Neno. Un día no que se pón en valor os logros acadados a favor dos dereitos dos nenos e as nenas, así como a súa participación activa na construción dun mundo mellor.

Nesta xornada non hai que esquecer que os nenos, nenas e adolescentes enfróntanse tamén a múltiples desafíos, como a violencia, a pobreza e as desigualdades incrementadas polas últimas crises socio-económicas, políticas e climáticas.

Os nenos, nenas e adolescentes deben estar presentes nas decisións a tomar no noso Concello porque:

  1. Son o 9% da nosa poboación.
  2. Ademais de ser unha obriga derivada da Convención sobre os Dereitos do Neno, ter en conta aos nenos e nenas demostra ter unha visión a medio e longo prazo a nivel local.
  3. Investir en infancia supón investir no futuro, reporta beneficios a toda a poboación: xera dinamismo, cohesión social e supón unha aposta polo noso.
  4. Poden ser máis vulnerables á pobreza, á violencia e á explotación.
  5. Desenvolver as políticas e investimentos necesarios, cun enfoque preventivo, evitando as posibles vulneracións dos seus dereitos e favorecendo o cumprimento dos mesmos.
  6. Teñen dereito a ser escoitados e escoitadas e a participar en todos os asuntos que lles afecta.
  7. É necesario promover a solidariedade interxeracional.

Desde o Concello da Baña debemos comprometernos coa promoción dun maior e máis eficiente investimento na infancia para acadar os seguintes obxectivos:

  1. Que cada neno, nena e adolescente sexa valorado/a, respectado/a e tratado/a xustamente, facendo das entidades locais espazos socialmente inclusivos, que permitan impulsar as capacidades de nenos, nenas e adolescentes, que loiten contra a discriminación, que dispoñan de oportunidades para desenvolver todo o seu potencial, con independencia da súa idade, sexo, capacidades físicas ou mentais, orixe ou procedencia, ou situación económica, entre outros.
  2. As necesidades e prioridades de cada neno, nena e adolescente deben terse en conta en todas as decisións que lles afectan, incorporando a participación infantil e adolescente nas políticas locais de infancia e adolescencia.
  3. Acceso a servizos esenciais de calidade. Todos os nenos, nenas e adolescentes vivan en contornas seguras, gocen dun medio ambiente limpo e sustentable. Creando contornas protectoras con recursos e capacidades suficientes para garantir a protección de nenos, nenas e adolescentes ante situacións de risco e violencia.
  4. Impulsar e promover os dereitos dos nenos, nenas e adolescentes a nivel global.