José Antonio Pereira e Mónica González trasladáronlle os problemas de transporte público e a escasa financiación dos servizos sociais municipais

Pedro Blanco reitera o compromiso do Goberno central coa dixitalización e sustentabilidade dos concellos rurais cun investimento de 500.000 euros na Baña

O alcalde agradeceu o Plan Único-Banda Ancha que permite levar fibra óptica a máis de 900 familias e negocios do municipio

 

20231031 Delegado goberno en Galicia visita a Banha 6

O alcalde da Baña, José Antonio Pereira, e a primeira tenente de alcalde, Mónica González, solicitáronlle ao delegado do Goberno en Galicia que a administración central free definitivamente a implantación dos dous parques eólicos de ámbito estatal previstos no municipio “para garantir unha mellor calidade de vida no rural” e evitar que todas as parroquias da Baña se vexan afectadas por estas infraestruturas. 

Durante a visita que Pedro Blanco fixo ao Concello, Pereira e González tamén lle pediron unha maior presenza da Garda Civil no municipio para garantir a seguridade cidadá e máis financiación para que os servizos sociais municipais poidan ser sustentables para as arcas municipais. As escasas rutas de transporte público e a falla de investimentos das administracións autonómica e central no municipio foron outros temas abordados na reunión. 

José Antonio Pereira agradeceu o Plan Único-Banda Ancha que impulsa o Goberno central, “que xa permitiu que máis dun 80 por cento das casas da Baña teñan fibra óptica. Pedro Blanco comprometeuse a estudar as demandas do Concello e destacou a aposta do Goberno central pola mellora dos servizos e da calidade de vida da cidadanía no rural, que se traduce en máis de 500.000 euros de investimentos no Concello da Baña para avanzar na súa dixitalización e sustentabilidade. Tras a reunión co alcalde e a tenente de alcalde, Blanco conversou durante uns minutos no salón de plenos con concelleiros dos tres grupos presentes na Corporación da Baña.

20231031 Delegado goberno en Galicia visita a Banha 5

Aínda sendo competencia da Xunta de Galicia, as obras que se están a realizar no CPI San Vicente foron outros dos temas da reunión. José Antonio Pereira e Mónica González trasladáronlle a Pedro Blanco os trastornos que está a vivir a comunidade educativa, sobre todo polas goteiras e falta de seguridade por non estar rematados os traballos a estas alturas do curso. Unha problemática que, tras a reunión, un grupo de pais e nais do colexio comentaron persoalmente co delegado do Goberno.

Pola súa banda, Pedro Blanco mencionou os 394.546 euros que recibiu o Concello a través do IDAE (Ministerio para a Transición Ecolóxica) para a substitución da iluminación pública por outra máis eficiente, coa conseguinte redución de emisións e aforro na factura eléctrica do Concello. A este investimento engádese o Plan Único-Banda Ancha, que desenvolve o Ministerio de Asuntos Económicos, e que posibilitará a chegada de internet de alta velocidade, mediante fibra óptica, a 903 vivendas e empresas da localidade que antes non dispoñían deste servizo.

Pedro Blanco puxo estas actuacións como exemplo do compromiso do Goberno co municipalismo e, en especial, cos concellos de reto demográfico a través dos fondos do Plan de Recuperación, “que chega a todos e cada un dos concellos de Galicia".

A estas actuacións hai que engadir outras partidas orzamentarias como os 100.000 euros do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) ‘Terras de Santiago’ do Ministerio de Industria para a creación dunha aula gastronómica no municipio bañense.

A Baña forma parte deste plan xunto cos concellos de Vedra, Boqueixón, Brión, Santiago, Teo, Ames, Val do Dubra, Negreira e Santa Comba, que reciben en conxunto 1,3 millóns de euros do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo para potenciar os mercados gastronómicos locais; crear e promocionar novos formatos de turismo gastronómico na comarca e reforzar a oferta de turismo activo.

20231031 Delegado goberno en Galicia visita a Banha 3