• Concello e Irmandade Xurídica Galega colocan unha placa no busto do fillo predilecto bañense lembrando a efeméride e a súa figura como “adiantado no uso do galego na Xudicatura” ||

  • O alcalde: “É de xustiza recoñecer o traballo de todas aquelas persoas que como Daniel García Ramos destacaron polo seu compromiso coa lingua e culturas galegas e co seu pobo” ||

  • O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, definiu ao maxistrado como “un dos mascaróns de proa da galeguización da Xustiza” ||

  • Xoaquín Monteagudo Romero: “Necesitamos paradigmas como o que representa Daniel García Ramos que nos serve para reforzar o noso traballo e compromiso coa nosa lingua e a nosa cultura” ||

  • O acto contou cunha ampla representación de maxistrados, amigos e familiares do falecido maxistrado e membros da Corporación ||

20230416 homenaxe daniel garcia ramos 90 anos nacemento 8

 

O Concello da Baña e a Irmandade Xurídica Galega homenaxearon esta mañá a Daniel García Ramos, coincidindo co 90 aniversario do seu nacemento, destacando a traxectoria do fillo predilecto bañense a prol do galeguismo e do rural, sendo o primeiro maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que empregou o galego nun procedemento xudicial. Unha placa colocada no seu busto coa data de hoxe, 16 de abril de 2023, e co lema En lembranza do maxistrado Daniel García Ramos, adiantado no uso da lingua galega na Xudicatura no 90º aniversario do seu nacemento, lembra esta efeméride.

O acto, celebrado na Casa de Cultura, foi presidido polo alcalde, Andrés García Cardeso, que estivo acompañado do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; do presidente da Irmandade Xurídica Galega, Xoaquín Monteagudo Romero; o exfiscal Superior de Galicia, Carlos Varela García; o maxistrado Luciano Varela Castro e do reitor da USC, Antonio Díaz. A homenaxe contou tamén coa presencia, do tenente de alcalde César Ramos, e da concelleira de Cultura, Lorena Trillo (que foi a condutora do acto), membros da Corporación da Baña, de familiares do homenaxeado, integrantes da Irmande Xurídica, maxistrados e amigos de Daniel García Ramos, veciños e veciñas.

Durante a súa intervención, o alcalde destacou a figura humana e profesional de Daniel García Ramos, ao que definiu como “unha persoa afable, agarimosa, que se integraba ben coa veciñanza cando viña a xogar ao dominó”.  García Cardeso dixo que coñeceu ao maxistrado cando “eu era un neno e viña á casa do meus pais a coller o leite”.  O alcalde agradeceu á Irmandade Xurídica Galega a súa presencia e a todas as persoas presentes que secundaron a homenaxe de hoxe e dixo que “é de xustiza recoñecer o traballo de todas aqueles veciños e veciñas da Baña que, como Daniel García Ramos, destacaron nas súas distintas facetas polo amor e compromiso co seu pobo e coa lingua e a cultura galegas”.

20230416 homenaxe daniel garcia ramos 90 anos nacemento

Pola súa banda, o secretario xeral de Normalización Lingüística definiu ao homenaxeado como “un dos mascaróns de proa da galeguización da Xustiza, un ámbito no que aínda queda moito por traballar”. Mentres que o presidente da Irmandade Xurídica Galega, Xoaquín Monteagudo remarcou que “necesitamos paradigmas como o que representa Daniel que nos sirve para reforzar o noso traballo e o noso compromiso coa cultura e a nosa lingua”.

O exfiscal Superior de Galicia e amigo de Daniel, Carlos Varela fixo un repaso pola biografía do fillo predilecto da Baña e a súa traxectoria; mentres que o reitor da USC, Antonio Díaz centrou a súa intervención na figura de Daniel no eido da universidade e nas “rodeiras” que deixou García Ramos. “Nesa aposta pola Cultura e a lingua el buscaba contaxiar ilusión, algo polo que temos que seguir loitando”, dixo o reitor.

O maxistrado Luciano Varela Castro pola súa banda falou dende unha óptica máis persoal, a da súa relación con Daniel García Ramos e da pegada que deixou nel. “Probablemente de non ter coñecido a Daniel eu nunca fixera unha sentencia en galego. Estaría durmido, aparvado. El conseguiu que eu despertara”, remarcou Varela Castro.

Durante o acto tamén se proxectou o documental Daniel García Ramos, a forza da palabra, realizado pola Irmandade Xurídica Galega en 2005 e que se atopa dispoñible na web da entidade (www.galeguizargalicia.gal), e no seu canal de youtube. Tamén repartíronse entre o público exemplares do libro Daniel García Ramos. A reafirmación en nós mesmos.

20230416 homenaxe daniel garcia ramos 90 anos nacemento 11

Rematadas as intervencións, autoridades e persoas asistentes desprazáronse ata a praza do Concello, onde alcalde, o presidente da Irmandade Xurídica Galega e Inmaculada Ramos, prima sobrina de Daniel, depositaron  ante o busto do falecido maxistrado un ramo de flores. Acompañaba o acto os acordes dos gaiteiros da Baña.

Apuntes biográficos

Daniel García Ramos naceu na Baña o 16 de abril de 1933. Foi fillo de mestres de escola e neto dun médico rural que lle inculcou o amor ao pobo e a entrega desinteresada. Viviu en San Vicenzo e en Marcende ata que aos nove anos marchou a estudar a Santiago e, logo de cursar a carreira de Dereito, a Madrid. Foi na capital de España onde descubriu o galeguismo, que marcará toda a súa traxectoria. Catedrático e xuíz, desenvolveu o seu labor en distintas localidades galegas e españolas ata ser nomeado maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

O compromiso de Daniel García Ramos con Galicia e coa lingua lévao ao longo dos anos a ser un dos primeiros membros fundadores de Xuíces para a democracia, asociación dende a que defende a utilización do galego na administración de xustiza. Integrouse tamén despois en Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia, plataforma que propiciou que en 1987 un pequeno número de xulgados e notarías comezasen a empregar a lingua galega. Foi tamén un firme defensor da pluralidade e a democracia, ademais de reivindicar os montes comunais.

Daniel García Ramos morreu o 23 de febreiro de 1998, aos 64 anos, de forma prematura. O Concello da Baña nomeouno Fillo Predilecto en agosto do ano seguinte. Entre outros moitos recoñecementos, foi declarado como Galego egrexio pola Fundación Premios da Crítica Galicia. E, dende o pasado ano, a figura do maxistrado da nome ao Premio Daniel García Ramos impulsado polo Concello bañense para recoñecer, coincidindo co Día das Letras Galegas, o traballo de persoas vencelladas ao municipio en favor da nosa lingua e da nosa cultura.

Preme no enlace para ver a galeria de fotos en facebook

20230416 homenaxe daniel garcia ramos 90 anos nacemento 13