• Os festivos locais en 2022 na Baña serán o 18 de abril, luns de Pascua, e o 9 de setembro, Día das Dores

  • Aprobadas as bases das axudas para minimizar o impacto da covid-19 entre autónomos e pequenas empresas cos votos de PSdeG e PP e a abstención de CxG

  • Unanimidade para aprobar o plan de sectorización do polígono industrial

  

 

A Corporación da Baña celebrou onte o pleno ordinario correspondente ao mes de agosto, no que se aprobaron como festivos locais para 2022 o luns de Pascua (18 de abril) e o 9 de setembro, que coincide coa celebración do Día das Dores en San Vicenzo. (Vídeo íntegro da sesión neste enlace).

Cos votos a favor do equipo de goberno (PSdeG) e do PP, e a abstención de CxG, aprobáronse inicialmente as bases reguladoras das axudas para contribuír a minimizar o impacto económico e social da covid-19 entre os autónomos, comerciantes e pequenas empresas. Estas axudas serán financiadas con 30.000 euros de fondos propios do Concello. 

Estas axudas divídense en dúas liñas, a primeira está destinada a complementar o PEL-Reactiva entre aquelas empresas que cumprindo cos requisitos establecidos pola Deputación da Coruña non recibiron estas axudas por falta de fondos. A segunda liña está destinada a impulsar a actividade económica e complementar as axudas xa outorgadas con anterioridades polo Concello da Baña no ano 2020. Estas bases publicaranse no Boletín Oficial da Provincia e someteranse a exposición pública durante un mes, antes da súa aprobación definitiva.

O alcalde, José Antonio Pereira, recordou que as bases, redactadas polos técnicos municipais, contaron con aportacións dos tres grupos municipais. O PP considero “benvidas estas bases, despois de ano e medio de telas solicitadas”. Pola súa parte, CxG, indicou que as axudas son “moi necesarias” pero considerounas unha “medida insuficiente, pola cantidade, e tardía”, motivo polo que se abstiveron na votación.

O plan de sectorización para poder desenvolver o polígono industrial da Baña foi aprobado por unanimidade. Contemplado xa no PXOM de 2016, coa aprobación de onte introdúcense as correccións solicitadas pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo en maio deste ano. O alcalde e os portavoces de PP e CxG agardan que o ansiado polígono poida ser realidade o antes posible despois desta aprobación.

A moción de urxencia presentada por Compromiso por Galicia solicitando a creación dunha escola municipal de atletismo e a creación dun módulo técnico exterior de atletismo, foi aprobada cos votos a favor de PP e CxG e o voto en contra do PSdeG. O anteproxecto presentado pola Federación Galega de Atletismo estima en 132.000 euros (109.000 euros máis o IVE) o orzamento necesario para a creación do módulo técnico exterior que David Gontán (CxG) propuxo executar por fases na Baña.

Os tres grupos están a favor da iniciativa, incluída a creación dunha escola municipal de atletismo e unhas instalacións axeitadas para a práctica deste deporte. O alcalde, José Antonio Pereira, explicou que o goberno local “non pode aprobar unha proposta que implica un compromiso de gasto cando non hai partida orzamentaria” contemplada nos presupostos para levala a cabo. Neste senso recordou que os presupostos da Baña están prorrogados dende 2017. Propuxo modificar o texto do acordo incluíndo que “se faga un estudio de viabilidade” e se é factible executar o proxecto

César Ramos (CxG) e Andrés García Cardeso (PP) consideraron necesario aprobar a moción tal como está e executar o acordo este ano, sen máis demora.

Preguntado pola cuestión, dende a Secretaría do Concello da Baña informouse no pleno que “se podería tomar ese acordo”, pero aclarou que “os acordos sen consignación orzamentaria son inválidos”.

Mónica González aclarou que dende a Concellaría de Deportes estase a estudar a proposta da Federación Galega de Atletismo, “que enviou a moitos concellos” e vendo a posibilidade de contar con algunha parcela que cumpra as condicións preto do polideportivo de Lañas. Dende a oposición propuxeron que o módulo técnico se constrúa preto do CPI de San Vicente, respodendo o alcalde que, “nestes intres, non sabemos se as parcelas municipais nesa zona se poden dedicar a ese uso”.

Na votación, a moción foi aprobada co apoio de CxG e PP (7 votos). O PSdeG (4) votou en contra.

No capítulo de rogos e preguntas, entre outros asuntos, Andrés García Cardeso (PP) preguntou pola licitación das actividades extraescolares e pediu que se modificaran as bases e solicitou que se remita ao Goberno central o acordo plenario rexeitando a subida do prezo da luz.

Dende CxG, César Ramos, preguntou que ten previsto facer o goberno do servizo de madrugadores e coas actividades extraescolares, e tamén polo programa de voluntariado sénior.

O vídeo íntegro da sesión pódese ver neste enlace (preme aquí)