20210810 XuntaDePortavoces Peche Abanca webA corporación municipal da Baña reunirase este xoves nun pleno extraordinario para expresar en conxunto o seu rexeitamento ao peche da sucursal da Abanca na localidade, a única oficina dunha entidade financeira que funciona na actualidade no concello. Os portavoces das tres forzas políticas con representación no consistorio (PP, PSOE e CB) e máis o do BNG reuníronse esta mañá para alcanzar unha postura conxunta fronte a un peche que condena á poboación bañense a se desprazar para facer as xestións bancarias e que afectará de forma moi grave ao tecido económico local.

Na reunión estiveron presentes o alcalde, José Antonio Pereira; os portavoces do PP, Andrés García Cardeso; de Compromiso A Baña, César Ramos, e do BNG, Xosé Manuel Magariños; e a concelleira de Política Social, Emprego, Educación, Cultura e Deportes, Mónica González. Na xuntanza acordouse a celebración do pleno extraordinario do xoves e a redacción dun manifesto co que se quere poñer de relevo o prexuízo que supón para A Baña este peche, que xa é oficial para o mes de setembro pero aínda non foi comunicado de xeito formal ao Concello.

Na actualidade, a única oficina bancaria do municipio é a que agora Abanca decidiu abandonar, situada nun local propiedade do mesmo banco e que, polo tanto, non lle xera á empresa gastos de alugueiro. Quedar sen ningún punto no que facer xestións financeiras obrigará aos veciños a se desprazaren a outros concellos, o que afectará gravemente a sectores coma os do comercio, a hostalería ou os servizos. Ademais, e considerando que A Baña conta cunha poboación envellecida que se manexa con pouca destreza coas aplicacións de banca electrónica, deixará nunha situación moi difícil a unha parte importante da veciñanza.

Desde o Concello quérese destacar que aínda que esta sexa a decisión dunha empresa privada, hai que ter en conta que Abanca recolle o testemuño de entidades públicas como foron as caixas de aforros, polo que debería seguir mantendo dalgún xeito o aspecto de servizo á sociedade co que aquelas entidades operaban. Deixar sen oficina a municipios como A Baña acentúa as dificultades que xa padecen os territorios do rural e traballa xusto na dirección contraria ás necesarias políticas que queren devolver a estas zonas a competitividade e dotar aos seus habitantes de mellores servizos e igualdade de oportunidades.

O Concello está a xestionar a celebración dunha reunión coa dirección da entidade para evitar este peche, previsto para setembro.