-
Leuse un manifesto contra a Violencia de Xénero e gardouse un minuto de silencio polas vítimas
-
Aprobada a moción de CxG para iniciar o procedemento para rebaixar un 15% o recibo do lixo en 2020
-
Aprobada a moción do PSdeG en apoio das mulleres que sofren endometriose
A Corporación da Baña, no pleno ordinario de novembro celebrado onte a noite, gardou un minuto de silencio en memoria das 41 mulleres que morreron en España este ano vítimas da violencia de xénero. Antes, a concelleira Mónica González leu o manifesto institucional contra a violencia de xénero, conmemorando deste xeito o 25N. Pódese ver o vídeo do pleno neste enlace.
Na sesión, e por unanimidade, aprobouse a bonificación do 95% da cota íntegra do imposto de bens inmobles para dúas explotacións gandeiras do municipio.
Tamén por unanimidade aprobouse a moción de Compromiso por Galicia para iniciar o procedemento para modificar a taxa de recollida de lixo e rebaixar un 15% o recibo para o ano 2022. Na moción CxG pedía que esta rebaixa se aplicase xa en 2021, pero a secretaria informou que para modificar a ordenanza nesa porcentaxe hai que iniciar un expediente e contar con varios informes, entre eles o de intervención.
Tamén por unanimidade aprobouse a moción do equipo de goberno (PSdeG) en apoio da Asociación Querendo, reclamándolle á Consellería de Sanidade máis atención para as mulleres que sofren endometriose e unha maior divulgación.
O apartado de rogos e preguntas, que durou máis de hora e media, rematou cun rogo de Compromiso por Galicia para que o Concello da Baña se adhira ao programa da Xunta de Galicia Xantar na casa ao consideralo máis beneficioso que o que presta o Concello e que se presta en 177 municipios. O alcalde defendeu a calidade da comida que recibe a veciñanza co programa municipal Comedor sobre rodas, que foi pioneiro en Galicia hai dúas décadas, e adiantou que se retomarán conversacións coa Xunta para ver se compensa adherirse ao programa autonómico. O debate deste rogo non está incluído na grabación do pleno debido a un problema técnico.