O Concello da Baña informa de que a partir de hoxe, mércores 25 de marzo, os contedores do lixo estarán sempre abertos para evitar o contacto de veciños e veciñas coa superficie das tapas e contribuír así a frear a propagación do Covid-19. O Concello pide a colaboración veciñal para deixar abertas tanto a cuberta dos contedores verdes de residuos orgánicos como a pequena tapa dos colectores de plástico, de cor amarela.
Por outra banda, o Concello informa de como ha de ser a xestión dos residuos nos domicilios. Así, naqueles fogares nos que non se rexistrasen casos positivos por coronavirus nin estean en corentena, a separación de residuos realizarase como se viña facendo habitualmente. O Ministerio de Sanidade, a través dunha orde publicada no BOE, lémbralle á cidadanía a importancia de optimizar a recollida separada do lixo. Tamén indica que as luvas de látex ou nitrilo non son envases e polo tanto non deben depositarse no contedor de envases lixeiros (amarelo).
No caso de fogares positivos ou en corentena por Covid-19, o Ministerio de Sanidade recomenda eliminar os residuos do paciente seguindo este protocolo:
- Depositar os residuos e o material desbotable utilizado pola persoa enferma (luvas, panos, máscaras) nunha bolsa de plástico (BOLSA 1) nun caldeiro do lixo disposto no cuarto, preferiblemente con tapa e pedal de apertura, sen realizar ningunha separación para a reciclaxe.
- Pechar adecuadamente a bolsa de plástico (BOLSA 1) e introducila nunha segunda bolsa de lixo (BOLSA 2), á beira da saída do cuarto, xunto coas luvas e a máscara utilizada polo/a coidador/a. Pechar adecuadamente esta bolsa antes de saír do cuarto.
- Depositar a BOLSA 2 xunto co resto de residuos domésticos nunha bolsa do lixo (BOLSA 3), correspondente ao caldeiro de fracción resto. A BOLSA 3 tamén se pechará adecuadamente.
- Inmediatamente despois do tratamento de residuos, realizarase unha completa hixiene de mans, con auga e xabón, polo menos durante 40 ou 60 segundos.
- A BOLSA 3 depositarase exclusivamente no contedor de fracción resto.
Pode consultar no arquivo adxunto a Orde SND271/2020, do 19 de marzo, pola que se establecen instrucións sobre xestión de residuos na situación de crise sanitaria ocasionada polo Covid-19.