20200414 Mascarillas Baña

 

O Concello da Baña mantén a disposición das persoas dependentes e máis vulnerables residentes no municipio un servizo de entrega a domicilio de alimentos, medicamentos e produtos de primeira necesidade; así como un servizo de fotocopias e entrega de tarefas escolares no domicilio daquelas familias sen impresora ou acceso a Internet. Dende o Concello tamén se ofrece a posibilidade de entregar máscaras a aquelas persoas que teñen que desprazarse por temas médicos e non dispoñan destas medidas de protección.

O servizo de entrega a domicilio de alimentos e medicinas púxose en marcha o pasado 16 de marzo, cando o alcalde, José Antonio Pereira Gil, asinou un bando no que lles garantía o reparto de produtos de primeira necesidade ás persoas máis vulnerables do municipio mentres dure o estado de alarma polo COVID-19.

Durante as últimas semanas, o Concello vén mantendo tamén un servizo e recollida de tarefas escolares no CPI San Vicente da Baña que logo se imprimen e entregan ás familias que non teñen impresora na casa ou non poden acceder a Internet. Esta posibilidade ofréceselles tamén ás familias da Baña que teñan os seus fillos e fillas escolarizados en centros doutros municipios.

Outra das medidas que desenvolve o Concello da Baña para axudar a veciñanza é o repartimento de máscaras entre aquelas persoas que, por causa de forza maior, teñen que desprazarse e saír das súas casas, como, por exemplo, facer analíticas do sintrom. O Concello dispón dun remanente de máscaras que pode entregarlles ás veciñas e veciños que as soliciten por este motivo.

Para acceder a estes servizos, as persoas interesadas deben chamar ao teléfono do Concello, 981 886 501, en horario de 9.00 a 14.00 h, de luns a venres. 

O Concello mantén estes servizos, así como a desinfección constante de lugares públicos, para garantir o benestar da veciñanza con menos recursos nestes momentos difíciles, e fai un chamamento para facer un uso responsable destes. O obxectivo é que poidan beneficiar realmente as persoas que máis o precisan.