Para acollerse á moratoria do pago da hipoteca, aprobada polo Goberno no Real decreto-lei 8/2020, do 17 de marzo de 2020, a cidadanía interesada en beneficiarse desta medida debe presentar un certificado de empadroamento. Dado que os concellos suspenderon a atención presencial ao público tras a declaración do estado de alarma, e tendo en conta que algúns cidadáns e cidadás non dispoñen de sistemas de identificación e firma electrónica para acceder á sede electrónica dos concellos, a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) propón un sistema alternativo para solicitar os certificados de empadroamento, que garanta a seguridade de que quen o solicita é o propio interesado/a.
Neste sentido, a FEMP propón pedirlle á persoa interesada que lle envíe por correo electrónico ao Concello a seguinte documentación:
- A copia cifrada dun documento acreditativo da súa identidade (DNI, pasaporte...), para o que abondaría con comprimila cun contrasinal robusto que logo se enviaría nun correo á parte.
- Se o certificado que se solicita é colectivo, deberanse enviar polo mesmo sistema copias dos documentos de todas as persoas empadroadas no domicilio. No caso dos menores de idade, achegarase unha copia do certificado de nacemento ou do libro de familia.
- Un escrito asinado pola persoa solicitante no que indique os seus datos (nome e apelidos, enderezo, nome e apelidos das outras persoas empadroadas, correo electrónico, motivo da solicitude, teléfono de contacto...)
- No caso de certificados colectivos, un escrito asinado por todas as persoas maiores de idade empadroadas no domicilio no que autorizan a persoa solicitante do certificado.
Unha vez confirmada a identidade, o Concello remitirá tamén por correo electrónico o certificado de empadroamento. De igual xeito, farao cun documento cifrado cun contrasinal que se enviará nun correo á parte.
Pode consultar a nova sobre Certificados de empadronamiento para Moratoria Hipotecas na páxina web da FEMP. Nela inclúese un acceso ao documento "Nota sobre a tramitación de certificados de empadroamento para solicitar a moratoria no pago de cotas hipotecarias de colectivos vulnerables como consecuencia do Real decreto-lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social da COVID-19".