• Poden pedirse na Concellaría de Educación dende hoxe e durante todo o mes de xullo // 

O Concello da Baña convoca axudas de transporte gratuíto durante o curso 2023/24 para toda a mocidade empadroada no municipio que estea estudando Bacharelato, FP ou calquera outro tipo de educación non universitaria e non obrigatoria en centros de Negreira ou Santa Comba.

A solicitude das axudas deberá tramitarse na Concellaría de Educación da Baña. O prazo permanecerá aberto entre hoxe, 27 de xuño, e durante todo o mes de xullo chamando ao número de teléfono do Concello 981 886 501. Na petición debe indicarse o número de teléfono dos solicitantes, a súa dirección e o nome do centro no que están matriculados.

O Concello ten como obxectivo con estas achegas axudar ás familias ao tempo que lles facilita aos estudantes a posibilidade de seguir residindo nos seus domicilios da Baña durante o tempo que dure a súa formación.