• O manifesto institucional reafirma o “compromiso coas letras e coa nosa cultura durante todo o ano”
  • “A lingua é o sinal de identidade máis forte que posuímos”, afirmou a concelleira Mónica González
  • A actuación de Xarope Tulú e da Escola de Música Tradicional da Baña completaron os actos
  • O alumnado do programa de emprego Mocidade 2020 elaborou un maio para a ocasión

20210521 Xarope Tulu De T e mailo mundo que apanes

O Concello da Baña volveu reiterar onte o seu compromiso coa cultura e a lingua do país, “porque a lingua é o sinal de identidade máis forte que posuímos”, durante o acto institucional co que se conmemorou o Día das Letras Galegas. A actuación da Escola de Música Tradicional da Baña, que rematou o acto tocando o Himno Galego, e a de Xarope Tulú puxeron letra e música á celebración, á que tamén se sumou o alumnado do programa de emprego Mocidade 2020, que elaborou un maio para a ocasión, que se pode ver na casa da cultura.

20210521 Monica Gonzalez Le manifesto letras galegas

A concelleira de Cultura, Mónica González, foi a encargada de ler o manifesto institucional, no que se lembra a figura de Xela Arias, a escritora homenaxeada este ano. “Ela consideraba a lingua galega como o principal signo dunha cultura”, afirmou a concelleira, tras recordar que dende 1963, no Día das Letras Galegas só se homenaxearon  5 mulleres, fronte  a 56 escritores, algo que espera mude no futuro.

O Concello da Baña volveu reafirmar o seu “compromiso coas Letras, que se estende a unha forte dedicación, día a día, ao longo de todo o ano, coa nosa lingua e a nosa cultura, porque a lingua é o sinal de identidade máis forte que posuímos”, como recolle o manifesto lido por Mónica González.

20210521 Maio obradoiro emprego Mocidade 2020

O alumnado do programa de emprego Mocidade 2020, que se forman en Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería, sumáronse tamén á celebración elaborando un maio que se pode ver na entrada da casa da cultura. 

No salón de actos da biblioteca municipal, a Escola de Música Tradicional da Baña interpretou varias pezas de música galega, antes de que se lese o Manifesto bañense das Letras Galegas, que rematou coa interpretación do Himno Galego. Xarope Tulú fixo despois un pequeno percorrido pola obra da poeta, tradutora e editora Xelia Arias nun espectáculo dirixido á mocidade titulado ‘De ti e mailo mundo que apañes’.

 

20210521 Luis Vallecillo Cantares letras 03

O programa de actos para conmemorar o Día das Letras na Baña comezou a media tarde coa actuación de Luis Vallecillo, que mesturou música e teatro no seu espectáculo ‘Cantares das Letras’, pensado para público familiar.

Como complemento a este programa de actos, o Concello da Baña organizou unha exposición na axencia de lectura municipal para lembrar  todos os autores e autoras homenaxeados no Día das Letras Galegas. Entre eles atópase a poeta e tradutora Xela Arias, a quen se lle adican este ano.