• A Baña inclúe no POS unha plataforma para a numeración dixital das vivendas e obras por 112.000 euros

    • A partida reservada a gastos correntes é de 119.000 euros e 14.714 para reducir débeda cos bancos

    • A petición no POS+ adicional para gastos sociais ascende a 68.000 euros

    • Os investimentos financeiramente sostibles do Plan Complementario ascenden a 1.400.000 euros

O Pleno da Corporación da Baña aprobou na sesión ordinaria de onte pola noite a relación de obras e gastos para incluír no Plan de Obras e Servizos da Deputación (POS+) por un montante total de 323.454 euros, aos que se engaden os algo máis de 68.000 euros para gasto social do POS+ Adicional, e 1,4 millóns de euros en investimentos financeiramente sostibles do Plan Complementario. Estes puntos foron aprobados por unanimidade, a pesar das críticas do grupo socialista por non telos chamado para negociar os proxectos. A moción de PSdeG para modificar o ICIO (imposto de obras) establecendo dous tramos diferentes foi rexeitada pola existencia de xurisprudencia que declara ilegal esta medida. 

Dos 190.000 euros destinados a investimento, o alcalde destacou a partida de 76.521 euros que lle vai permitir ao Concello da Baña contar cunha plataforma de numeración dixital para as vivendas do municipio, “algo moi necesario para actualizar os números de todas as casas e evitar os problemas que hai co Catastro e co Instituto Nacional de Estatística, porque temos problemas coa numeración”. Outros 112.550 euros están reservados para a execución do saneamento en Xasoso-Castiñeira (46.328) e a pavimentación da estrada do Cruceiro-Canle-Paraxó (66.222).

O Concello da Baña tamén solicita 14.714 euros para reducir débedas coas entidades financeiras e outros 119.669 para gastos correntes, o que eleva a un total de 323.456 euros as solicitudes do Plan Único de Concellos (POS+) para este ano.

Polo que respecta ao POS+ Adicional para gastos sociais extraordinarios deste ano, pídense algo máis de 68.000 euros en catro partidas. 25.000 euros destinaranse a emerxencia social, 34.666 a ampliar o servizo de axuda no fogar, 3.500 a atender a persoas vulnerables e 5.500 euros a equipamento técnico asistencial, segundo o informe emitido polos técnicos.

No Plan complementario inclúense investimentos financeiramente sostibles por un montante global de 1.399.963 euros. Na relación de obras deste plan figuran o saneamento de Liñares-San Salvador; a mellora da capa de rodaxe das pistas de Liñares a Carballeira Ermida-Francos, Marcelle (estación)-Reguengo (Suevos), San Cibrán-Chantada, Vilar de Cerdeiras-Corneira e a de Troitosende ao límite con Ames. A mellora de viarios en Guende e a pavimentación de accesos a Buchaín-Nantón e dunha estrada en Edreira completan os proxectos.

No debate, dende o equipo de goberno (PP e Compromiso) defendeuse que se trataba dun plan equilibrado que trata de atender as necesidades de todas as parroquias. Pola súa banda, o grupo socialista criticou que non se lles convocara para consensuar a relación de obras e que non se teña en conta a opinión da oposición, aínda que finalmente votaron a favor, polo que se aprobaron por unanimidade os dous puntos relacionados co POS.

O equipo de goberno rexeito a moción do PSdeG solicitando que se modifique a ordenanza reguladora do Imposto de construcións, instalacións e obras (ICIO) para facer dous tramos. A proposta consistía en manter o 2% actual para obras de menos de 2 millóns de euros e aplicar un 4% ás que superen ese orzamento, coa intención de penalizar a instalacións de parques eólicos.

O concelleiro César Ramos argumento que o goberno rexeitaba esta medida porque hai xurisprudencia que a considera ilegal. Segundo aclarou no pleno, a sentencia do Tribunal Constitucional 221/92 e unha consulta vinculante a Secretaría General de Tributos de 2018 din que non se poden establecer dous tipos de taxa diferente no ICIO. Andrés García Cardeso reforzou esta postura sinalando que o Concello non pode tomar un acordo contrario á lexislación e invitou ao portavoz socialista a presentar informes xurídicos que avalen a súa petición.

Antes do capítulo de rogos e preguntas, o alcalde informou á Corporación que a Xunta detectou deficiencias nunha inspección que fixo o pasado día 4 no Punto de Atención á Infancia (PAI) que viñan da anterior etapa de goberno socialista e que se intentarían arranxar o antes posible.