LIBRO 4 DO CLUB DE LECTURA A BAÑA EN GALEGO

As persoas participantes no Club de Lectura A Baña en Galego decidiron escoller como libro para este mes de abril Trece badaladas de Suso de Toro.

Na próxima sesión que será o 4 de maio de 2011 en horario de 16.00 a 17.00 h na biblioteca da casa da cultura compartirán a súa opinión sobre o libro e escollerán a/s seguinte/s lectura/s.

Todas aquelas persoas que estean interesadas en participar poden achegarse pola casa de cultura na data citada ou enviar os seus comentarios a través do blog do Servizo de Normalización Lingüística ao que poden acceder a través da páxina web do Concello da Baña.

Autor: Suso de Toro
Título: Trece badaladas
Data de lectura: abril de 2011
Resumo:

“Unha escritora ten dificultades para entrevistarse co director dunha produtora de cine e coñecer a súa opinión sobre un guión que lle presentara. Cando finalmente o consegue, descobre que o seu texto nunca lle fora entregado ao produtor, quen identificará no argumento daquela historia de sombras unha ameaza que lle resulta moi próxima á súa vida. A investigación dese enigma inquedante unirá os mozos nun abrazo dramático, nunha historia de dous amantes sen esperanza.

Trece badaladas é un relato que arrinca dun antigo acto de rebelión, moi afastado no tempo. Unha indagación sobre a memoria dunha cidade que é un labirinto hermético sobre un mar de pedra. Un paseo polos dilemas e as procuras de espiritualidade. Unha narración concibida como forma de coñecemento. Unha inmensa novela, abovedada de misterio, construída como unha rexa catedral románica.” (Edicións Xerais de Galicia)