As escolas infantís de Lañas e de Aro, xunto coas súas familias e co profesorado, participaron nunha visita ao concello da Baña o pasado 8 de abril.

Despois de encontrarse na Praza do Concello ás 9.30 h, visitaron a casa do concello. Alí, no salón de plenos, simularon un pleno no que o alumnado de infantil experimentou diferentes roles e tomou as decisións pertinentes que plasmaron na correspondente acta.

Ás 10.00 h, trasladáronse á casa de cultura e colaboraron con Urxa, a trasno da biblioteca da Baña, nun contacontos e aproveitaron para facer o carné de socios/as da aula de lectura.

Máis tarde, ás 11.00 h, a Escola Municipal de Música convidounos/as a que visitasen as súas instalacións e a que participasen nun mini-concerto didáctico a cargo do profesor de música Juan Ramón Leis, do alumno Esteban García, do gaiteiro Emilio Lois e da tamborileira Raquel Iglesias.

Despois destas actividades, ás 12.00 h, aproveitaron para merendar, descansar e xogar na área recreativa Agra de Chans.

Remataron as actividades no muíño de Ponte Calexa. Alí puideron aprender o funcionamento dun muíño de auga grazas á colaboración dos veciños de Fiopáns María del Carmen Torreira Souto e José Roberto Pérez Turnes, cantar as cantigas tradicionais que semanas antes recolleran os nenos e as nenas entre as súas familias e gozar dunha fermosa paisaxe.

Finalmente, regresaron á Praza do Concello onde finalizaron unha mañá chea de emocións e de aprendizaxe.

Ficheiros: 

A_trasno_Urxa.pdf