• O orzamento municipal para 2023 quedou aprobado definitivamente por unanimidade dos grupos políticos

  • Os tres grupos apoiaron a proposta do BNG contra os parques eólicos

  • Actualizada a ordenanza municipal de administración electrónica e a modificación do POS+ 2023

 

A Corporación da Baña celebrou hoxe o último pleno ordinario desta lexislatura apoiando todos os puntos por unanimidade, entre os que destaca a aprobación definitiva do orzamento municipal para este ano e o recoñecemento que se lle fixo Antonio Martínez. O Pleno decidiu poñerlle o seu nome ao campo de fútbol en atención aos “seus méritos como veciño da Baña e no seu labor na promoción do deporte, en especial do fútbol, no municipio”.

Segundo a proposta presentada polo equipo de goberno, todos os veciños e veciñas da Baña e toda a xente que estivo dalgunha forma ligada á SD A Baña “é coñecedora do traballo e dedicación continua” de Antonio Martínez en diferentes labores do equipo de fútbol. “Toda unha vida dedicada de forma altruísta á SD A Baña, e tendo un labor moi importante na promoción do deporte no municipio”. 

Este sábado, 1 de abril, celebrarase unha homenaxe a Antonio Martínez, coñecido como o Cubano, durante o encontro que disputarán os veteranos da SD A Baña a partir das 17.00 horas. No descanso descubrirase a placa coa que se dá cumprimento ao acordo plenario de hoxe, para denominar as instalacións como Campo municipal de fútbol Antonio Martínez.

No Pleno de hoxe tamén se aprobou definitivamente o orzamento municipal do Concello da Baña para este ano, que ascende a 4.077.000 euros, e a ordenanza que regulará a administración electrónica no municipio. 

Co apoio de todos os concelleiros acordouse modificar o POS+ 2023 para incorporar a execución de tres obras por importe de 147.747,25 euros, que son a pavimentación dunha vía pública na Edreira, as melloras da capa de rodaxe de Troitosende ao límite con Ames e do viario de Paradas a Valiñas. Este importe reducirase da partida que o Concello tiña previsto destinar a gasto corrente.

Tamén por unanimidade se aprobou unha moción presentada polo BNG sobre os parques eólicos. Dado que o grupo nacionalista non ten representación na Corporación, a súa proposta foi presentada polo tenente de alcalde, César Ramos. Tras enumerar os seis proxectos de parques eólicos previstos para a Baña, que suman en total 256,5 MW, os nacionalistas solicitan que o Concello elabore informes técnicos sectoriais para rexeitar a súa implantación, que se comprometa a asesorar á veciñanza e que se comprometa a personarse como parte nun proceso contencioso-administrativo, contemplando a partida orzamentaria para un futurible proceso xudicial.

O debate xerou un duro enfrontamento entre goberno e oposición. O alcalde, Andrés García Cardeso, explicou que o Concello xa ten encargados os informes sectoriais solicitados polo BNG e que “xa leva tempo informando a toda a veciñanza dos dereitos que lle asisten”. Respecto do proceso xudicial, García Cardeso volveu aclarar que “chegado o momento” o Concello se presentará como parte prexudicada.

Dende o grupo socialista, José Antonio Pereira criticou que o equipo de goberno apoiase esta moción dos nacionalistas e que votase en contra da que presentou o PSdeG, momento no que o tenente de alcalde, César Ramos, lle preguntou se “se refería a moción que presentou e logo non acudiu ao pleno para defendela”.

No capítulo de rogos e preguntas, o PSdeG propuxo que se ampliara o horario do campus deportivo de Semana Santa e quixo saber cantas persoas están a utilizar o servizo de bonotaxi, entre outros temas. 

20230328 Banha pleno ordinario campo futbol Antonio Martinez 1