A lectura dun manifesto este 8M ao mediodía na praza do Concello, unha homenaxe o vindeiro domingo 13 de marzo ás protagonistas da serie audiovisual A Baña en feminino. Visibilizando a muller do rural, e a proxección dunha curtametraxe serán os actos cos que o Concello da Baña conmemore este ano o Día da Muller.

Á tradicional lectura do manifesto que cada ano se fai o día 8 de marzo, A Baña engade unha serie de actividades que se desenvolverán o domingo 13 de marzo pola mañá. Neste día, as escolas vellas acollerán unha homenaxe ás doce protagonistas da serie audiovisual A Baña en feminino, vídeos que a razón dun por mes divulgou o Concello ao longo de todo o ano 2021 coa intención de convidar á reflexión sobre o papel das mulleres nas contornas rurais.

Os actos comezarán ás 11 horas coa proxección de As tres caídas de María Santiso, curtametraxe que gañou o Premio do Público na 41 Semana do cine de Lugo e que se achega á sociedade rural galega coa intención de estimular o pensamento crítico sobre os roles tradicionais das mulleres e dos homes. Tras a película, haberá unha mesa redonda co director e coas protagonistas do filme.

Para os actos do domingo 13 de marzo quedan unha ducia de prazas libres para público, polo que as persoas que queiran asistir deberán anotarse no Concello (981 886 501) antes deste venres 11 de marzo, ás 14.00 horas.