-
No manifesto lido no pavillón municipal, as nenas e nenos lembraron as vítimas e pediron á veciñanza que escoite e apoie as mulleres que sofren violencia
-
O Concello completou a xornada co espectáculo 5.0 de Sue Moreno e con actividades sobre igualdade e prevención adaptadas a infantil, primaria e secundaria

O alumnado do CPI San Vicente protagonizou este mércores a conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller na Baña. No pavillón municipal, as nenas e nenos leron o manifesto “Queremos medrar en igualdade e sen violencia”, no que defenderon o dereito de todas as mulleres e nenas a vivir sen medo e a decidir sobre as súas vidas.
Na lectura, o alumnado lembrou as mulleres que sofren violencia machista e as que foron asasinadas, así como as súas fillas e fillos e as súas familias. “Ningunha muller nin ningunha nena ten a culpa da violencia que sofre. A responsabilidade é de quen exerce a violencia”, recolle o texto.
O manifesto advertiu de que os insultos, as humillacións e as ameazas tamén son formas de violencia, igual que controlar con quen fala unha muller, revisar o seu móbil sen permiso ou esixirlle os contrasinais. “O cariño non dá dereito a controlar nin a facer dano”, afirmaron na lectura.

O alumnado comprometeuse a escoitarse, axudarse e respectarse tamén nas redes, onde recordou a importancia de pedir permiso antes de compartir imaxes doutras persoas. Ademais, reclamou ás persoas adultas que eduquen co exemplo, á veciñanza que escoite as mulleres que sofren violencia sen culpabilizalas e ás institucións que traballen para previr a violencia machista e garantir a atención e a protección das vítimas.
Igualdade no deporte e prevención da violencia dixital
Tras a lectura, o pavillón acolleu o espectáculo 5.0 de Sue Moreno, aberto á veciñanza e incluído na Rede Cultural da Deputación da Coruña. A artista combinou acrobacias aéreas, baile e música para abordar con humor os cambios do corpo, a premenopausa e o envellecemento.

A programación da Concellaría de Acción Social, Cultura e Servizos á Cidadanía incluíu propostas para cada etapa educativa. En infantil, Sheila Almeida impartiu o obradoiro O mundo de Mitsuko. En primaria, a actividade Mulleres no deporte contou coa colaboración de deportistas da contorna, que achegaron referentes próximos ao alumnado e contribuíron a cuestionar os estereotipos de xénero neste ámbito.

En secundaria, Creando Educando Social impartiu o obradoiro POV: o algoritmo decide por ti. A través de dinámicas participativas e dun xogo de escape, o alumnado reflexionou sobre a presión estética e os estereotipos nas redes, analizou o papel dos algoritmos na selección de contidos e traballou na identificación dos discursos de odio. Como peche do obradoiro, cada grupo elaborou unha contracampaña para o 25N nun lenzo de gran formato que quedará no centro.

Coa implicación do CPI San Vicente e a apertura dos actos do pavillón á veciñanza, o Concello da Baña situou unha vez máis a educación no centro da conmemoración do 25N. A xornada incidiu no papel da escola, das familias e das institucións para previr a violencia machista e fomentar relacións de respecto e igualdade durante todo o ano.