imprimir
Categoría: novas
Visitas: 25

20261125 Programacion 25N VO Concello da Baña conmemorará o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres cunha programación que sitúa a educación no centro da prevención. As actividades comezarán o sábado 21 de novembro cunha contada de Carmen Conde e continuarán o mércores 25 con propostas para o alumnado de infantil, primaria e secundaria, a lectura do manifesto e a actuación de Sue Moreno.

A programación municipal, impulsada pola Concellaría de Acción Social, Cultura e Servizos á Cidadanía, busca traballar a igualdade desde as primeiras idades e acompañar ese proceso ao longo das distintas etapas educativas. Darlles visibilidade ás mulleres referentes, cuestionar os estereotipos e aprender a identificar as violencias que se reproducen nas redes sociais son algunhas das liñas dunha xornada que implica activamente o alumnado do CPI San Vicente.

Esta orientación educativa parte da importancia de ofrecer ferramentas para construír relacións baseadas no respecto e na igualdade. As actividades achegarán estes valores á realidade de cada grupo de idade, desde as propostas para infantil ata a reflexión sobre os contidos dixitais que consume e crea a adolescencia.

O sábado 21 de novembro, ás 20.00 horas, o auditorio da Casa da Cultura acollerá O que non estaba escrito, unha contada de Carmen Conde coa compañía Tarabela Creativa. A proposta, dirixida a maiores de 16 anos, fai parte do Ciclo de Monólogos e da Rede Cultural da Deputación da Coruña. A narradora reúne historias sobre praceres, cartos e todo tipo de fe a partir dos relatos de vida que recolleu ao longo de vinte anos de conversas por toda Galicia.

Os actos do mércores 25 abertos ao público celebraranse no pavillón municipal da Baña. Ás 11.45 horas, o alumnado do CPI San Vicente dará lectura ao manifesto do 25N, asumindo un papel protagonista na expresión do compromiso colectivo fronte á violencia contra as mulleres.

Ás 12.00 horas será a quenda de Sue Moreno, que presentará 5.0, un espectáculo da Rede Cultural da Deputación da Coruña que combina acrobacias aéreas, baile en altura, música e equilibrios. Baixo a dirección de Gonçalo Guerreiro, de Elefante Elegante, a artista aborda con amor e humor os cambios do corpo, a premenopausa e o envellecemento a través dunha diva que se achega aos cincuenta e se pregunta canto tempo máis poderá ser trapecista.

A proposta dálle continuidade a 4.0, o espectáculo co que Sue Moreno xa visitara A Baña en 2024, con motivo do Día Internacional da Muller. Nesta nova entrega, a transformación persoal e o paso do tempo convértense no fío dunha creación que convida a reflexionar sobre a idade e o corpo das mulleres.

A programación específica para o CPI San Vicente continuará de 13.00 a 14.15 horas. Todo o alumnado de educación infantil participará no obradoiro O mundo de Mitsuko, con Sheila Almeida. Pola súa parte, o alumnado de primaria terá a actividade Mulleres no deporte, coa colaboración de deportistas da contorna, unha oportunidade para coñecer referentes próximos e cuestionar os estereotipos de xénero no ámbito deportivo.

De 16.15 a 17.45 horas, o alumnado de secundaria participará en POV: o algoritmo decide por ti, un obradoiro de Creando Educando Social centrado na prevención da violencia dixital. A proposta desenvolverase en dous grupos simultáneos, adaptados ás idades de primeiro e segundo e de terceiro e cuarto da ESO, co acompañamento de educadoras sociais especializadas en igualdade de xénero.

Mediante dinámicas participativas e un xogo de escape, abordaranse os modelos de xénero que transmiten as persoas influentes nas redes, a presión estética, os filtros e o papel dos algoritmos na selección dos contidos. O alumnado tamén traballará na identificación dos discursos de odio e coñecerá referentes positivos e formas de activismo dixital. Como peche, cada grupo elaborará unha contracampaña para o 25N nun lenzo de gran formato que quedará no centro.

O Concello da Baña convida a veciñanza a asistir á contada do sábado e a acompañar a comunidade educativa nos actos do mércores no pavillón municipal.