imprimir
Categoría: novas
Visitas: 184
 concurso

 

Isabel Romar Romar e Manuela Dacunha Vázquez son as gañadoras do Concurso de Fotografía Amateur pola Corresponsabilidade, Masculinidades Igualitarias, Coidados e Usos do Tempo, promovido polo Concello da Baña a través da Concellería de Acción Social, Cultura e Servizos á Cidadanía.

O certame, desenvolvido no marco do Plan Corresponsables 2026, busca sensibilizar a poboación sobre a repartición das responsabilidades domésticas e de coidado e fomentar a implicación dos homes nestas tarefas.

Na categoría A, de participación xeral, o xurado concedeu o premio a Isabel Romar Romar pola fotografía Trenzando a igualdade. Na categoría B, de participación local, resultou premiada Manuela Dacunha Vázquez coa obra Barbeiro na casa. Cada galardón está dotado con 75 euros.

O xurado técnico, integrado por profesionais dos centros escolares e do ámbito artístico e fotográfico, avaliou a calidade técnica, a orixinalidade, a composición e a adecuación das propostas ás bases da convocatoria.

A entrega dos premios terá lugar o venres 30 de outubro, ás 10.00 horas, na Casa Consistorial da Baña. As gañadoras dispoñen dun prazo de dez días para presentar a documentación requirida para tramitar o aboamento dos galardóns.

Segundo recollen as bases, as fotografías participantes, incluídas as premiadas, formarán parte dunha exposición pública con motivo do Día da Corresponsabilidade, o 23 de marzo de 2027. Así mesmo, a obra gañadora será a imaxe central da campaña municipal de concienciación vinculada a esta conmemoración.

O Concello da Baña felicita as premiadas e agradece a participación de todas as persoas que se sumaron ao concurso. Coas súas fotografías, contribuíron a facer visible a importancia de compartir as tarefas do fogar e os coidados e a promover a corresponsabilidade na vida cotiá.