imprimir
Categoría: novas
Visitas: 485

Escola de musica tradicional

O Concello da Baña abre o prazo de inscrición na Escola de Música Municipal e Tradicional para o curso 2026-2027. A actividade comezará o 22 de setembro e prolongarase ata xuño, coincidindo co calendario escolar.

O servizo está dirixido á poboación xeral a partir dos sete anos e ofrece formación en gaita, pandeireta, percusión e canto. O solfexo está incluído como materia complementaria en todas as especialidades.

As clases de gaita, pandeireta, percusión e canto impartiranse nos niveis de iniciación e perfeccionamento, en función dos coñecementos e da formación previa do alumnado. Desenvolveranse polas tardes e non haberá actividade durante as vacacións escolares nin nos festivos locais, autonómicos ou estatais.

Os horarios concretos serán comunicados polo profesorado ao alumnado e ás familias unha vez rematadas as inscricións. Para impartir cada actividade será necesario contar cun mínimo de cinco persoas, agás no caso do solfexo.

Dez días hábiles para presentar as solicitudes

O prazo de matrícula permanecerá aberto durante dez días hábiles. As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello da Baña ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso das persoas menores de idade, a solicitude terá que estar asinada pola nai, polo pai ou pola persoa que exerza a súa tutela legal. De ser necesario, tamén deberá achegarse un informe médico que acredite a necesidade dun tratamento especial.

As persoas empadroadas na Baña terán prioridade na adxudicación das prazas. A unidade familiar tamén deberá estar ao día no pagamento dos servizos municipais e non manter débedas co Concello, agás nos casos considerados de emerxencia social polos Servizos Sociais Municipais.

As solicitudes presentadas fóra de prazo incorporaranse á listaxe de agarda. Se quedan prazas vacantes, poderán admitirse novas inscricións por orde de presentación sempre que se cumpran os requisitos establecidos.

Nova estrutura de tarifas

A principal diferenza respecto ao curso anterior afecta ás cotas de participación. O prezo xeral será de 80 euros por tempada para unha actividade e de 120 euros para dúas ou máis actividades. As bases tamén establecen tarifas específicas para as unidades familiares.

O alumnado poderá acollerse a unha tarifa especial de 30 euros por tempada se, no momento da matrícula, se compromete expresamente a participar en catro ou máis actuacións organizadas, promovidas ou coordinadas polo Concello da Baña.

O cumprimento deste compromiso deberá ser acreditado pola dirección da Escola. Se ao finalizar a tempada non se participou nas catro actuacións requiridas, a persoa usuaria terá que aboar a diferenza ata completar a tarifa que lle corresponda segundo o número de actividades nas que estea matriculada.

O pagamento efectuarase mediante domiciliación bancaria, distribuído en tres recibos trimestrais.

A Escola de Música Municipal e Tradicional contribúe á aprendizaxe e á difusión da cultura musical galega, ao tempo que favorece a participación do alumnado en concertos, audicións e outras actividades públicas.

As bases completas, a documentación necesaria e os impresos oficiais poden descargarse nos documentos adxuntos.