imprimir
Categoría: novas
Visitas: 2115

web portada

O deporte base volveu converterse este sábado no gran protagonista na Baña, coa celebración da clausura das Escolas Deportivas Municipais 2025-2026. A xa tradicional xornada festiva no pavillón de San Vicenzo que serviu para despedir un curso marcado por un novo récord de alumnado, con 167 persoas entre rapazada e adultos, a cifra máis alta rexistrada ata o momento.

20260530 A Baña Clausura Escolas Deportivas Municipais exhibicion1

Durante máis de dúas horas, os distintos grupos das escolas amosaron todo o aprendido ao longo do curso, con exhibicións de baloncesto, de judo, de tenis de mesa, de baile, de acrosport, de ximnasia rítmica e de patinaxe artística, que foron moi aplaudidas desde as bancadas polo público asistente, composto por familiares e pola veciñanza.
20260530 A Baña Clausura Escolas Deportivas Municipais agasallo

A festa contou coa participación do alcalde, José Antonio Pereira, e da concelleira de Deportes, Ana Pensado, que fixeron entrega a todo o alumnado dun agasallo conmemorativo: unha faldriqueira co logo do Concello da Baña como recordo da súa participación neste curso, e dentro da que, para o que vén, a rapazada poderá traer metidos os seus obxectos persoais.

A xornada completouse cun espazo de inchables e de xogo libre para os máis pequenos e pequenas, convertendo a cita nun encontro de convivencia arredor do deporte e do lecer.

Preparando xa o vindeiro curso

As actividades ofertadas este 2025-2026 polas Escolas Deportivas Municipais da Baña foron: pilates, con 25 participantes; tenis de mesa, tamén con 25; patinaxe artística, con 19; baloncesto, con 11; judo, con 10, e acrosport, ximnasia rítmica e baile moderno, con 8 cada unha.

20260530 A Baña Clausura Escolas Deportivas Municipais exhibicion 2

Tamén houbo pádel, que volveu ser a modalidade con maior demanda, ao reunir un total de 53 alumnos e alumnas.

O Concello celebra o crecemento sostido da participación rexistrado nos últimos anos e subliña a importancia de seguir fomentando hábitos de vida saudables tanto entre a cativada como entre a xente adulta. Por iso, xa traballa na planificación das Escolas Deportivas Municipais do próximo curso 2026-2027, coa intención de “reforzar a programación actual e incorporar novas propostas adaptadas ás demandas da veciñanza”, afirmou o alcalde.

20260530 A Baña Clausura Escolas Deportivas Municipais judo