-
A programación desenvolverase entre o 11 de setembro e o 21 de novembro
-
As actuacións terán lugar na Casa da Cultura e nos locais sociais de Sanamede de Monte e Fiopáns
-
A proposta reúne destacadas figuras e compañías da narración oral e do humor galego

A Concellería de Acción Social, Cultura e Servizos á Cidadanía do Concello da Baña pon en marcha un novo ciclo de monólogos que ofrecerá sete espectáculos entre setembro e novembro. A programación achegará ao municipio diferentes propostas de humor, narración oral, música e teatro.
O ciclo comezará o venres 11 de setembro, ás 21.00 horas, no local social de Sanamede de Monte. Vero Rilo presentará Tralalareira, un espectáculo no que a palabra e a música se atopan sobre o escenario. Rilo estará acompañada polo acordeonista Santi Cribeiro.
A segunda cita será o venres 25 de setembro, ás 20.30 horas, no auditorio da Casa da Cultura. Lupe Blanco representará Quen inventou o rap?, unha proposta que establece conexións entre a regueifa e outras formas de improvisación oral.
A programación continuará o venres 9 de outubro, tamén ás 20.30 horas na Casa da Cultura, con Sergio Alba e o espectáculo Dous rombos... Pasa para a cama! Unha semana despois, o venres 16 de outubro, ás 20.30 horas, Brais das Hortas achegará ao mesmo escenario Contos de defuntos e outros asuntos.
O ciclo retomarase o venres 6 de novembro, ás 20.30 horas, no auditorio da Casa da Cultura. Patty Diphusa protagonizará Sexo seguro... Seguro? A seguinte función trasladarase ao local social de Fiopáns. Será o sábado 14 de novembro, ás 20.30 horas, con Lalá Teatro e o seu espectáculo As Josefas. Tarabela Creativa pechará a programación o sábado 21 de novembro, ás 20.00 horas, no auditorio da Casa da Cultura, coa representación de O que non estaba escrito.
Este ciclo conta coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.